O Centro Asociado da UNED en Pontevedra impartirá online, en directo ou en diferido, o 24 e o 31 de maio un curso sobre "Fundamentos teóricos e análises de casos en psicose incipiente" de 10 horas de duración e cun prezo de matrícula por alumno de 25 euros.
O curso está coordinado por Rafael Cotelo Pazos, responsable do Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais da UNED en Pontevedra e contará como director do mesmo con Jesús Cancelo Martínez, profesor-titor do Centro Asociado da UNED en Pontevedra e doutor en Psicoloxía.
Como relator intervirá Aarón Argudo Palacios, doutor en Neurociencia e Psicoloxía Clínica pola Universidade de Santiago de Compostela ademais de ser profesor-titor da UNED con Venia Docendi.
Esta actividade formativa e divulgativa está dirixida a estudantes de últimos cursos que queiran ampliar os seus coñecementos no espectro da psicose; familiares e coidadores que desexen comprender mellor esta problemática e profesionais que traballen no ámbito da saúde mental e busquen desenvolver habilidades terapéuticas.
Os obxectivos do curso centraranse en analizar a evolución histórica da esquizofrenia; explorar os factores de risco e vulnerabilidade asociada; revisar a evolución histórica do tratamento e a integración social de persoas con psicoses; examinar diferentes orientacións terapéuticas e as súas aplicacións prácticas e desenvolver habilidades prácticas a través da discusión e resolución de casos clínicos.
PROGRAMA
O programa previsto contempla que o sábado 24 de maio estea dedicado á parte teórica do curso, onde se abordarán os aspectos fundamentais da esquizofrenia, incluíndo a súa definición, características e a evolución histórica dos trastornos psicóticos. Profundarase na prevalencia mundial da psicose, os factores de risco, os aspectos xenéticos, socioambientales e epigenéticos, para comprender como inflúen no desenvolvemento destes trastornos.
Tamén se discutirá o funcionamento psicosocial das persoas con psicoses, revisando a evolución do tratamento e a integración social, así como o seu impacto na calidade de vida e a adaptación social. Finalmente, analizarase a importancia da intervención temperá, abordando a detección precoz e as estratexias terapéuticas eficaces, como as orientacións terapéuticas e as intervencións psicolóxicas máis utilizadas para o tratamento da psicose incipiente.
Por outra banda, o sábado 31 de maio, o curso estará centrado na aplicación práctica través da análise dos estudos de caso. Presentaranse cinco estudos de intervención realizados, comezando co Estudo 1 sobre intervención multimodal nun mozo con primeiro episodio psicótico, para explorar como se aplicaron as estratexias terapéuticas de psicoeducación, adestramento en habilidades sociais, reestruturación cognitiva e desensibilización sistemática.
Posteriormente, discutiranse o Estudo 2, relacionado coa terapia asistida con animais, e o Estudo 3 sobre activación conductual e lecer comunitario. O Estudo 4, que trata sobre a musica como ferramenta terapéutica. Finalmente, presentarase o Estudo 5, onde se traballou coa Terapia de Aceptación e Compromiso (ACT).