A UNED Sénior canta e baila baixo a choiva

Pontevedra
12 de xuño 2025
Actualizado: 17:09

Nova exhibición de bailoterapia na Praza da Peregrina na que a soprano Bonnie Cooper e o Coro Aberto da UNED puxeron a nota musical

Exhibición de bailoterapia da UNED Sénior

A UNED en Pontevedra desafiou ao mal tempo, cantando e bailando baixo a choiva.

Este xoves levaron a cabo a súa exhibición de bailoterapia na Praza da Peregrina co espectáculo ofrecido pola soprano canadense Bonnie Cooper, o Coro Aberto da UNED e o alumnado do profesor de baile latino Luciano Ricardo Gómez dos Santos.

Os numerosos viandantes que paseaban na mañá deste xoves polo centro da cidade non puideron resistirse e detiveron o seu camiñar para contemplar e escoitar á soprano canadense Bonnie Cooper e aos membros do Coro Aberto da UNED que deleitaban ao público con cancións populares como A Rianxeira ou A Saia da Carolina.

A actividade promovida polo Departamento de Extensión Universitaria, que coordina Rafael Cotelo Pazos, comezou cunha sesión de Bailoterapia coa UNED Sénior.

O alumnado presentou as distintas coreograrías que foron aprendendo ao longo do proceso formativo levado a cabo este ano académico.

Rafael Cotelo clausurou o acto animando os presentes a unirse tanto ao Coro Aberto da UNED como a inscribirse nas clases de Bailoterapia da UNED Sénior para o próximo curso.

Cotelo agradeceu tamén ao público presente tanto a súa asistencia como a súa participación interactuando co alumnado da UNED Sénior na exhibición e pechou a súa intervención con palabras de agradecemento para o profesor Luciano Ricardo Gomes e a soprano Bonnie Cooper de quen dixo que eran os auténticos responsables do éxito da exhibición ofrecida na Praza da Peregrina.