Non foi unha tarde tranquila para o servizo ferroviario no Eixo Atlántico, especialmente no tramo entre Santiago, Pontevedra e Vigo. Unha avaría na rede provocou atrasos de máis dúas horas nalgúns trens, ameazas de cancelacións e, sobre todo, a indignación dos usuarios pola falta de información.
Os atrasos comezaron a acumularse, segundo os rexistros facilitados por Renfe e ADIF, sobre as sete da tarde por diversas incidencias técnicas e avarías na infraestrutura ferroviaria, relacionadas coa falta de tensión eléctrica na liña.
Especialmente afectados víronse os trens rexionais e de media distancia entre Santiago e Vigo, que chegaron a acumular máis de dúas horas de atraso durante os seus traxectos ao quedar parados durante longos espazos de tempo no medio do traxecto.
Ademais, os pasaxeiros do último tren de media distancia Vigo-A Coruña tiveron que facer un transbordo en autobús entre a cidade olívica e Pontevedra, ao quedar suprimido o tramo entre ambas as localidades.
Estas incidencias, sumadas ás condicións dos trens e a ausencia de información, provocaron un aluvión de queixas a través das redes sociais.