Unha empresa do sector do aluminio investirá 15 millóns de euros para instalarse no polígono de Cuntis

Umia
20 de febreiro 2021

O alcalde Manuel Campos destaca o gran interese que están mostrando diversas industrias por asentarse en A Ran e para iso considera un factor fundamental "as súas magníficas conexións e a súa situación xeográfica"

Polígono industrial de A Ran Concello de Cuntis

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, anunciou este sábado o compromiso existente por parte dunha importante empresa do sector do aluminio por instalarse na área industrial de A Ran.

O rexedor sinala que dende o Concello e a Zona Franca "levamos meses traballando para que esta firma dea o paso de iniciar a súa actividade no parque empresarial". Segundo informa, o investimento previsto pola industria para instalarse en Cuntis é duns 15 millóns de euros, cunha ocupación aproximada de solo de 36.000 metros cadrados.

Desde Suelo Empresarial del Atlántico, a súa xerente, Beatriz Sestayo, explicou que a entidade, dependente do Ministerio de Transportes, "está a traballar de xeito intenso no estudo de viabilidade coa mellor das vontades, sempre que os custos que resulten do estudo sexan asumibles para a sociedade pública". Esta análise está practicamente concluida e a piques de ser entregada. 

O alcalde fai fincapé no apoio recibido neste proceso dende o primeiro momento por parte da Zona Franca e do seu xerente David Regades. "Quero agradecerlle á Zona Franca o esforzo que está realizando e as xestións efectuadas xunto co Concello e Suelo Empresarial del Atlántico para que esta industria se instale brindándolle o apoio económico financeiro necesario".

Para Cuntis, engade Manuel Campos, "este investimento suporá un antes e un despois no proceso de desenvolvemento industrial", pero o rexedor xa avanza que hai interese por parte de máis empresas para asentarse en A Ran.

"Xa hai outras cinco empresas que tramitaron o seu documento de reserva inicial de chan industrial e, polo tanto, case o 50% da superficie desta fase 1 podería estar pronto ocupada".

Campos lembra que o Concello leva tempo traballando no impulso do parque industrial con Suelo Empresarial del Atlántico para o desenvolvemento da primeira fase do polígono que considera "vital para que este tipo de empresas poidan asentarse en Cuntis".

Este proxecto conta cunha superficie de 325.635 metros cadrados na que se prevé unha inversión aproximada por parte do Concello de 5 millóns de euros entre expropiacións e custes de urbanización. A esta cantidade hai que sumarlle os 15 millóns previstos pola empresa o que significa un investimento duns 20 millóns, unha cantidade moi importante para Cuntis.

REUNIÓN TELEMÁTICA CON SEA

Esta semana, a xerente e técnicos de SEA volveron manter unha reunión telemática co alcalde para avanzar no estudo de viabilidade, posto que o obxectivo é avaliar de xeito preciso os custos e posibilidades de execución desta área industrial. Por este motivo, SEA ten encargado un estudo de viabilidade que se dará a coñecer proximamente.

O alcalde destacou o importante interese que están mostrando diversas empresas por asentarse en A Ran e para iso considera un factor fundamental "as magníficas conexións e a situación do polígono".

"Trátase dun parque empresarial moi ben conectado. Está a só 7 quilómetros da AP-9, ten moi boas conexións cos portos exteriores e está a carón da N-640, que é a estrada que vertebra toda Galicia, con magníficos accesos a Santiago e á zona norte da provincia de Pontevedra", apunta.

Manuel Campos lembra que o desenvolvemento deste polígono tamén foi apoiado inicialmente pola Deputación de Pontevedra cun investimento de 600.000 euros no arranxo do seu vial interior principal. "Este proxecto está sendo moi produtivo e isto estase demostrando co interese que amosan diferentes firmas por comezar a desenvolver a súa actividade en A Ran", sinalou.