Xa está instalada nas inmediacións dos xardíns Xerardo Carballal, xunto á Alameda, a escultura que conmemora o 50 aniversario da celebración da Festa da Troita.
O acto de inauguración oficial do monumento terá lugar o domingo 29 de maio, no transcurso da celebración da Festa e a este evento están convidados os ex alcaldes así como as persoas que formaron parte da corporación municipal de Ponte Caldelas ao longo dos últimos 50 anos.
A obra foi creada polo artista compostelán afincado na parroquia de Cuñas, José Ortiz, e representa a unha troita dando un chimpo fóra da auga cunha envergadura de 5 metros de longo e unha altura aproximada duns tres metros.
O material empregado é aceiro cortén sobre unha estrutura de barras de ferro perforadas cun recubrimento de 10 centímetros de espesor para garantir a súa estabilidade. Unha serie de discos de aceiro inoxidable representan as manchas da troita que abunda no río Verdugo.
José Ortiz, que conta cunha dilatada carreira artística como escultor, empregou algo máis de dous meses en executar a obra unha vez que pasou polo periodo de creación, planificación e deseño que lle permitiu plasmar nunha obra de arte a súa inspiración.