Unha rede municipal de campos de fútbol de herba sintética, novo reto para o rural pontevedrés

Pontevedra
13 de novembro 2015

Unha vez que practicamente está terminado o programa para dotar de centros sociais ao rural pontevedrés, o goberno municipal está disposto a dar un "paso adiante" para seguir mellorando os equipamentos das parroquias. Segundo avanzou este venres o concelleiro Demetrio Gómez Junquera, o próximo obxectivo será planear, de forma consensuada cos veciños, unha ampla rede municipal de instalacións deportivas

Campo de fútbol de Chan do Monte, en Cerponzóns
Campo de fútbol de Chan do Monte, en Cerponzóns

Unha vez que practicamente está terminado o programa para dotar de centros sociais ao rural pontevedrés, o goberno municipal está disposto a dar un "paso adiante" para seguir mellorando os equipamentos das parroquias. Segundo avanzou este venres o concelleiro Demetrio Gómez Junquera, o próximo obxectivo será planear, de forma consensuada cos veciños, unha ampla rede municipal de instalacións deportivas.

O primeiro paso, avanzou, serán os campos de herba sintética. Ademais do de Marcón, que xa está en funcionamento, o Concello espera concluír o actual mandato con outros cinco campos destas características, avaliando a situación dos existentes e a posible necesidade de construír algún novo. Estarían situados en Campañó, Cerponzóns, Santa María de Xeve, Salcedo e Ponte Sampaio.

Planificaranse en base a tres criterios. Estas instalacións non serán de uso exclusivo dunha única parroquia, todas terán perspectiva municipal de forma que poidan ser empregados por calquera cidadán de Pontevedra e deberán contribuír para avanzar no fortalecemento dos novos de centralidade das parroquias nos que se sitúen.

Os trámites máis avanzados, segundo o coordinador do Rural no goberno municipal, son os de Campañó e Cerponzóns, onde o Concello está xa en conversacións coas respecticas comunidades de montes para a cesión dos campos de fútbol actuais; ou en Salcedo, onde o equipo de fútbol está a buscar terreos -preto do pavillón- para a construción dun campo alternativo ao actual, que presenta unha serie de problemas urbanísticos.

Pola súa banda, o campo de Gatomorto (Santa María de Xeve) xa é de propiedade municipal e estase negociando cos promotores da súa recuperación para que sexa unha instalación que dea servizo aos dous Xeves e Verducido. En todo caso, o cuantioso investimento necesario para a súa rehabilitación é o principal escollo que presenta este campo. 

Ademais, o Concello está pendente de aclarar a situación do campo de fútbol de Ponte Sampaio por parte de Costas, xa que está situado en dominio público e a actuación que se podería realizar nel sería "máis branda" que o resto. Fóra deste plan, polo menos polo momento, quedaría o de Praceres, cuxa continuidade está ligada ao futuro do complexo industrial de Lourizán, ao estar afectado pola mesma caducidade da concesión.

Con todos estes campos, o salto cualitativo neste tipo de instalacións en Pontevedra "sería espectacular", segundo Demetrio Gómez Junquera. Xunto a iso, dixo, está a estudarse unha serie de actuacións nos actuais pavillóns deportivos "mirando cales son as súas necesidades" e, a partir de aí, "veremos de actuar nuns ou noutros".