Unha veciña de Marín de 68 anos morre e a súa neta de 6 resulta ferida nun atropelo en Estribela

Pontevedra
25 de maio 2021
Actualizado: 21:35

A Policía Local detivo o condutor do vehículo que atropelou a ambas as persoas como autor dun delito contra a seguridade viaria. Por motivos que se descoñecen, pero que probablemente están relacionados co exceso de velocidade, perdeu o control do seu vehículo, cruzou a estrada, chocou cun coche e acabou subindo á beirarrúa contraria

Atropelo mortal en Estribela Mónica Patxot

Grave atropelo mortal na avenida Montero Ríos de Pontevedra, na parroquia de Estribela. Unha muller de 68 anos faleceu na tarde deste martes e unha nena de 6 resultou ferida.  Trátase dunha veciña de Marín e a súa neta.

Como consecuencia dos feitos, a Policía Local de Pontevedra detivo o condutor do vehículo que atropelou a ambas as persoas como autor dun delito contra a seguridade viaria. Trátase dun veciño de Marín de 19 anos de idade que conducía un Citroën Saxo. É un condutor novel que leva tan só sete meses co carné de conducir, desde novembro de 2020.

O atropelo produciuse sobre as 17.15 horas deste martes na avenida Montero Ríos, na parroquia pontevedresa de Estribela, na coñecida coloquialmente como estrada vella de Marín. Segundo informou a Policía Local, todo ocorreu á altura do número 103.

Por motivos que se descoñecen, pero que probablemente están relacionados co exceso de velocidade, un condutor perdeu o control do seu vehículo, cruzou a estrada, chocou cun coche estacionado e acabou subindo á beirarrúa contraria. 

Pola beirarrúa paseaban unha muller de 68 anos e unha menor e arroiounos. Como consecuencia do atropelo, a muller resultou falecida mentres que a menor sufriu feridas graves polas que tivo que ser trasladada a un centro hospitalario. Segundo sinalaron fontes policiais, presenta politraumatismos. Foi trasladada ao Hospital Provincial. 

Segundo informa a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao lugar do incidente trasladáronse dúas ambulancias asistenciais de Soporte Vital Básico (SVB) e unha ambulancia de soporte vital avanzado. A pesar dos esforzos do equipo sanitario, a muller faleceu.

O vehículo permaneceu no lugar do accidente ata que foi retirado ás 19.45 horas. Pouco despois, ás 19.49, os servizos funerarios procederon á retirada do corpo sen vida da falecida.