Urxencias de Montecelo ten unha situación "estable" despois de días de colapso

Pontevedra
09 de xaneiro 2017

A media de afluencia diaria ao servizo foi similar á rexistrada ao longo de todo o ano 2016, 163 urxencias diarias, aínda que esta oscilou entre as 177 atendidas o sábado día 7 e as 138 rexistradas ao longo do domingo 8. No Hospital do Salnés, a media diaria foi de 102,5 urxencias, 124 o domingo e 83 o sábado

Acceso ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo Mónica Patxot

A situación do servizo de Urxencias do Hospital Montecelo era, a última hora da mañá deste luns, "estable", aínda que os propios responsables da área sanitaria recoñecen que "pode variar ao longo da xornada". Esta estabilidade chega despois dunha semana na que pacientes e traballadores denunciaron momentos de colapso no servizo vencellado ao incremento de persoas con cadros de gripe e patoloxías respiratorias. 

A área sanitaria fixo públicos este luns os datos de actividade en Montecelo e no Hospital do Salnés nos últimos catro días. No hospital pontevedrés, a media de afluencia diaria ao servizo de Urxencias foi similar á rexistrada ao longo de todo o ano 2016, 163 urxencias diarias, aínda que esta oscilou entre as 177 atendidas o sábado día 7 e as 138 ao longo da xornada do domingo 8. No Salnés, a media diaria foi de 102,5 urxencias, cifra similar á rexistrada ao longo de todo o ano 2016, 103. Os picos oscilaron entre as 124 este domingo e as 83 do sábado.

Nos dous centros a maior parte foron pacientes pluripatolóxicos de avanzada idade e que precisaron máis ingresos do habitual, o que conlevou a unha maior ocupación de camas. Neste momento, Montecelo mantén un alto índice de ocupación de camas, de aí que a Xerencia procedera a habilitar a unidade de cirurxía maior ambulatoria, polo que foron reprogramadas catro intervencións non urxentes nin preferentes.

En ambos os dous centros, membros da comisión prevista no plan de continxencia, integrada por responsables da  Dirección e os responsables dos servizos implicados (Urxencias, Medicina Interna, Pneumoloxía, Admisión e puntualmente Medicina Preventiva), manteñen a diario reunións para avaliar a situación

Ademais, os responsables sanitarios aseguran que se reforzou o cadro de persoal naquelas áreas que os ditos responsables o solicitaron, sempre condicionado á dispoñibilidade de profesionais. Nestes momentos, a unidade de Urxencias, Pneumoloxía e Medicina Interna de Montecelo contan con novos reforzos e, puntualmente, tamén se reforza o persoal de enfermaría en Urxencias e nas plantas de hospitalización máis sobrecargadas. No Salnés, reforzaron a unidade de Medicina Interna e as plantas de hospitalización máis sobrecargadas contan con reforzos de persoal de enfermaría  e celadores. Neste centro arousano, o reforzo do servizo de Urxencias lévase a cabo en función da solicitude dos responsables de dita área.

Profesionais e pacientes tamén denunciaron colapso en Atención Primaria, ao que a Xerencia responde que que están mantendo contactos cos responsables do centros de saúde da área sanitaria. Nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de toda a área sanitaria detectouse unha maior afluencia de pacientes, pero a actividade asistencial prestáronoa os cadros de persoal, que está ao completo.