Uvas anticipadas e unha gran festa de Noitevella en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
14 de decembro 2017

Ponte Caldelas celebrará o Nadal cun amplo programa de actos organizados polo Concello coa colaboración da asociación de comerciantes (Coempo). Un calendario apto para todos os públicos e coa diversión como protagonista

Verbena en Ponte Caldelas
Verbena en Ponte Caldelas /

Ponte Caldelas celebrará o Nadal cun amplo programa de actos organizados polo Concello coa colaboración da asociación de comerciantes (Coempo). Un calendario apto para todos os públicos e coa diversión como protagonista.

O programa municipal de Nadal comezará o domingo, día 24 de decembro, coa chegada do Papá Noel, que estará no Centro Cultural ás 12 horas para atender e recoller as cartas dos rapaces. O ilustre visitante chegará facendo un percorrido previo polo centro urbano cunha magnífica calesa tirada por varios cabalos, gracias á colaboración desinteresada de Hípica Amazonas.

O Concello programou tamén unha toma das uvas anticipada para as 12 horas do domingo 31, día da Noitevella. Será ao pé do reloxo do Centro Cultural.

O colofón chegará coa gran festa de Noitevella que está programada na Alameda a partir da 1 da madrugada coa actuación da orquestra Miramar. Como xa se ven facendo estes últimos anos colocarase unha gran carpa para poder gozar ao máximo da verbena, tanto en caso de choiva como de frío, pois se é necesario colocaranse unhas estufas de exterior.

Finalmente, o 4 de xaneiro terá lugar a Cabalgata de Reis de Ponte Caldelas, un evento que sempre concita a asistencia de numeroso público. Será a partir das 18 horas polo percorrido habitual. A gran chocolatada con rosca estará a cargo das Mulleres Rurais do Verdugo.