Vai reforzarse o formigón da ponte do Burgo para encastrar a rede de pluviais

Pontevedra
04 de abril 2019

Finalizaron xa as obras de limpeza e de revisión da estrutura, que permitiu comprobar que non presenta danos de gravidade. As obras que se acometerán na ponte obrigarán a curtar o paso en momentos concretos, segundo avanzou o concelleiro Demetrio Gómez

O concelleiro Demetrio Gómez amosa un anaco da Ponte do Burgo PontevedraViva

Demetrio Gómez, concelleiro de Obras, mostraba este xoves un anaco da ponte do Burgo para mostrar a utilización de ferro, en lugar de aceiro, que se facía nos anos 50. Durante as últimas semanas, levou a cabo a comprobación da seguridade da pasarela sobre o Lérez. 

A ponte estruturalmente atópase en boas condicións, indicou Demetrio Gómez á espera da conclusión do informe. O formigón utilizado no seu momento é de boa calidade e os alicerces presentan algunha pequena apertura que se cubrirá durante a reparación prevista. 

Pola súa banda, as canalizacións atópanse moi próximas ao piso e esa situación obriga a que os enxeñeiros e arquitectos municipais coa empresa que acometerá a reforma ideasen un sistema para introducir unha nova canalización de pluviais que se enganche á rede.

Para acometer este traballo reforzarase o formigón actual, de forma que tamén soporte a varanda prevista na reforma e ao mesmo tempo alongarase unha peza por fóra da ponte para instalar a canalización de forma encastrada na pedra. O concelleiro engadiu que esta adaptación da rede pluvial, elaborada por arquitectos e enxeñeiros municipais e a empresa adxudicataria, acometerase na seguinte fase desta obra. Alertou que será necesario realizar cortes temporais de paso pola ponte, que se anunciarán previamente.

O concelleiro nacionalista convidou os pontevedreses a achegarse ata o río para comprobar a imaxe que ofrece a ponte tras a limpeza levada a cabo.