Vaipolorío denuncia que unha nova vertedura de terra no Gafos tinguiu a súa desembocadura na ría

Pontevedra
25 de outubro 2020

O colectivo ecoloxista apunta cara ás obras da autovía A-57 como causante da situación

Vertedura de terra na desembocadura do Gafos
Vertedura de terra na desembocadura do Gafos / Vaipolorío

A desembocadura do río dos Gafos nas Corbaceiras, no inicio da ría de Pontevedra, sorprendeu a moitos veciños esta fin de semana polo seu aspecto.

Unha lámina de auga cor amarronada mesturábase co resto da ría, producindo un rechamante contraste.

Esta situación provocou unha nova denuncia da asociación Vaipolorío, alertando das verteduras de terra que veñen detectando en datas recentes.

O colectivo ecoloxista bota a culpa da situación ás obras da autovía A-57, e con certa sorna sinalou nas súas redes sociais que "tamén o Nilo ten tramos nos que as augas teñen cor distinta, segundo o afluente do que procedan".