Velorio en Ponte Sampaio para escenificar "a morte da sanidade pública" na parroquia

Pontevedra
24 de xullo 2020

Coma se dunha necrolóxica se tratase, representantes da Plataforma de Ponte Sampaio-Canivouva acompañados de veciños, anunciaron o acto que tiñan previsto realizar este xoves xunto ao consultorio médico da parroquia

Velorio de protesta polo peche do consultorio de Ponte Sampaio Plataforma de Ponte Sampaio-Canivouva

Coma se dunha necrolóxica se tratase, representantes da Plataforma de Ponte Sampaio-Canivouva acompañados de veciños, anunciaron o acto que tiñan previsto realizar este xoves xunto ao consultorio médico da parroquia.

"A sanidade pública de Ponte Sampaio faleceu despois de sufrir os recortes constantes do Partido Popular", sinalaba o anuncio co que pedían a colaboración veciñal para esta e outras protestas que se sucederán nas próximas semanas.

Cruces, velas e coroas de flores acompañáronlles para facer visible o seu descontento, nunha acción que tamén se realizou nas contornas dos centros de saúde de Arcade e Soutomaior co apoio do BNG deste municipio.

"A situación que estamos a vivir na nosa parroquia é un sin sentido absoluto no que se algo vai quedando claro é que o SERGAS pretende que as veciñas de Ponte Sampaio queden definitivamente sen consultorio. Cada día poñen unha excusa diferente para ter o consultorio pechado", explicaron representantes da Plataforma de Ponte Sampaio-Canivouva.

Ante esta situación "iniciamos unha batería permanente de iniciativas en defensa da sanidade pública", avanzaron.

"Hoxe as veciñanzas de Soutomaior e Ponte Sampaio estamos unidos por algo moito máis sólido e contundente que a ponte medieval. Estamos unidos pola defensa da saúde dos nosos fillos e dos nosos maiores",  sinalou tamén o portavoz do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo.

O velorio reivindicativo desenvolveuse de maneira simultánea nos tres centros de saúde.