VIDEO.- Chuvia de euros na cafetería California, onde toma café Rajoy cando está en Sanxenxo

Sanxenxo
22 de decembro 2015
Actualizado: 18:27

A cafetería California, en Sanxenxo, repartiu 850 décimos do 89023, quinto premio da lotería de Nadal que deixou na localidade case seis millóns de euros. Nesta cafetería toma café a miúdo o presidente do Goberno, Mariano Rajoy

Alegría en Sanxenxo tras repartir case 6 millóns de euros na Lotaría de Nadal PontevedraViva

Non se fala doutra cousa en Sanxenxo. Alí, na administración de lotería da rúa Madrid, venderon 960 décimos do número 89023, quinto premio do sorteo de Nadal, e repartíronse 5.760.000 euros

Case seis millóns de euros (96 series) que se poden considerar moi repartidos grazas a que un dos establecementos que repartiu os décimos é a Cafetería California, situada en pleno Paseo de Silgar. Alí venderon un total de 850 décimos e na administración, 110. En ambos os dous lugares agotáronse as existencias e xa hai días que non quedaban billetes.

A sorte estivo moi repartida, ao venderse todos os décimos entre particulares, pero, ademais, chegou dende Sanxenxo a toda España. Empezou a venderse a principios do verán e a maioría dos compradores foron turistas, tanto dos habituais que cada ano pasan as súas vacacións nas Rías Baixas e teñen xa casa na zona como entre os ocasionais que este ano gozaron da praia de Silgar e quixeron probar sorte mercando a lotaría do lugar onde comeron ou tomaron un café ou unha copa durante o seu descanso estival. Os compradores que colleron o número directamente na administración era, segundo o loteiro, "casi todo gente de aquí", mentres que os clientes do bar eran, segundo a súa dona, Clotilde Ferreiro, "casi todo turistas y 15 o 20 de aquí"

Xusto cando se coñeceu a noticia, a administración estaba aberta, pero de seguida pechou. Todo o foco de atención se centrou no bar en cuestión, pero adoita estar pechado ata as 15.00 horas, de modo que a celebración da chuvia de millóns fíxose esperar. Tardou, pero chegou con forza, pois a partir das tres da tarde houbo festa rachada neste establecemento da rúa das Cunchas, a poucos metros da praia de Silgar.

Aínda que o bar estivo nos primeiros minutos pechado, si houbo alegría nas súas proximidades dende o primiero minuto, pois unha das agraciadas foi a veciña que vive xusto enfronte, María Dolores Aspérez. "Vivo enfrente y es el único que cojo, porque si toca ahí y yo no cojo me da algo", explicou ante os numerosos medios de comunicación que ata alí se desprazaron.

A felicidade era máxima. Sanxenxo foi o lugar máis premiado de Galicia, repartindo nun só premio máis da metade dos 10,6 millóns que a Lotaría de Nadal deixou este ano en total entre todos os galegos.

A casualidade quixo ademais que esta cafetería sexa unha das que frecuenta Mariano Rajoy cando acode a Sanxenxo. O presidente do Goberno, despois de que o pasado ano contase cun boleto agraciado coa terminación do gordo e o terceiro premio, nesta ocasión quedou sen premio. Non así os seus escoltas. Un deles comprou dous décimos a principios do pasado verán, segundo confirmou a propietaria do local, Clotilde Ferreiro.