VÍDEO.- Gravan un raposo na contorna da Alameda de Pontevedra

Pontevedra
13 de febreiro 2019

O animal atopábase na madrugada do domingo camiñando na rotonda situada entre as rúas Paseo de Colón e Raíña Vitoria. Esta aparición coincide coa observación por parte dos veciños durante os últimos días de dous raposos na Finca do Teucro

Un raposo na rotonda de Raíña Vitoria Fito Novoa

Fito Novoa, un mozo pontevedrés circulaba pola contorna de San Roque na madrugada do domingo cando observou como un raposo se movía entre os arbustos e plantas da rotonda situada entre as rúas Paseo de Colón e Raíña Vitoria, moi próximo á Alameda de Pontevedra.

O mozo lograba gravar un pequeno vídeo da presenza deste animal no centro urbano. Outro veciño tamén se atopaba ao mamífero bordeando o recinto da Alameda e lograba sacarlle unha fotografía cando percorría a beirarrúa.

Precisamente esta imaxe coincide coa visualización por parte da veciñanza da Finca do Teucro dunha parella destes animais nesa zona.

Trátase de animais omnívoros que, segundo Animapedia.org, se adaptan a contornas e conviven en ambientes con poboación ata o punto de que esta especie tene más opcións de supervivencia en zonas urbanas que en espazos naturais ao acadar alimentos con máis facilidade.