VÍDEO.- Os Solfamidas inician "o mellor Entroido do mundo" con Lores tocando o bombo

Pontevedra
01 de marzo 2019

O rei Urco aparcou o seu barco no Paseo Antonio Odriozola para dar a benvida ao Entroido desde o escenario situado na Ferrería. Alí, integrantes da comparsa dos Solfamidas fixeron un pregón onde pediron igualdade e lembraron que "non é non". Este sábado continúa a festa co gran desfile, que sairá ás 17.00 horas da rúa Xosé Malvar

Os Solfamidas invitan o alcalde de Pontevedra a acompañalos tocando o bombo PontevedraViva

A chuvia apareceu no inicio deste Entroido 2019 pero son "lágrimas de alegría", en palabras reales do monarca Urco, que desde o escenario invitaba aos centos de persoas que se achegaron á praza da Ferrería a comer, beber e "fartarse con sentidiño" ao longo da semana.

Antes, a comparsa encargada de ler o pregón desta edición, Os Solfamidas facían un chamamento á diversión tras acompañar o séquito real con outras agrupacións: Os Canecos, Amoriños de Bora, Las Flores del Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas e Os Menudos. 

O presidente da comparsa de Campo Lameiro, Ángel Rodríguez "Lito", manifestaba desde o palco que era un orgullo participar como pregoneiros nesta festa. Dúas compañeiras da agrupación indicaron que formar parte da comparsa supón unha maneira de manterse unidos e falaron do seu proxecto de crear unha escola de música en Uganda a través do Proxecto Uganda, un país cara onde se dirixe Emilio, un dos integrantes da formación.

Nun ton máis humorístico, Lito non evitou a comparativa con Vigo e lembroulle ao alcalde olívico Abel Caballero que en Pontevedra se celebra "o mellor Entroido do mundo" para a continuación indicar que os vigueses veñen á capital a gozar destas festas. Despois lanzou o reto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se atopaba entre o público coa concelleira de Festas Carme da Silva, a subir ao escenario e acompañalos tocando o bombo. Pero antes, integrantes dos Solfamidas vestidas de negro pediron respeto e igualdade lembrando o lema "non é non".

Despois, o alcalde de Pontevedra asumía o reto e, tras vestirse a camiseta da agrupación e axudado polo percusionista da banda, atreveuse a golpear o bombo ao ritmo da música neste arranque do Entroido.

Este sábado continúa a festa co gran desfile, que sairá ás 17.00 horas da rúa Xosé Malvar e percorrerá as rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda. A partir das 20.00 horas está prevista a festa de disfraces na FErrería co anuncio dos premios aos participantes do desfile por parte do xurado.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en