Vilaboa autoriza fogueiras no ámbito familiar e en terreo particular

Vilaboa
15 de xuño 2021

Os permisos poden tramitarse ata este martes no caso de San Xoán e ata o día 21 para os lumeiros de San Pedro

Noite de San Xoán 2017 en Poio Diego Torrado

O Concello de Vilaboa autoriza este ano a realización das tradicionais fogueiras de San Xoán que só poderán realizarse no ámbito familiar e en terreos particulares.

Para os interesados en facelas para San Xoán o prazo para solicitar o permiso municipal remata este martes día 15 de xuño, mentras que os que queiran facer a fogueira coincidindo con San Pedro poderán tramitalo ata o venres día 21. 

En calquera caso terán que ter escasas dimensións, non superando o 1,5 metros de alto e 2 metros de diámetro. 

Desde o Concello de Vilaboa convidan á veciñanza a disfrutar da noite de San Xoán con prudencia e a extremar as precaucións para evitar incendios. 

O alcalde César Poza fai tamén un chamamento colectivo no sentido sanitario, solicitando á veciñanza que preste especial atención ao cumprimento das limitacións en canto a número de persoas que se poden reunir. 

Polo momento o Concello de Vilaboa tramitou xa máis dunha ducia de permisos para as fogueiras de San Xoán.

En cumprimento da orde do 28 de maio con motivo da covid-19 estarán prohibidas as fogueiras comunitarias, as situadas en terreos públicos e as organizadas polos establecementos hostaleiros coa finalidade de favorecer o disfrute dos seus clientes.