O alcalde de Vilaboa, César Poza, asinou este martes a acta de recepción das obras de remodelación da contorna do Forno do Cal, un espazo que renace convertido nun novo punto de encontro para veciños e visitantes.
A actuación inclúe un amplo aparcadoiro á beira da estrada N-554 e unhas vistosas letras co nome de Vilaboa, visibles mesmo desde o outro lado da ría e que, iluminadas de noite, dan a benvida a quen chega ao municipio.
Estas letras xigantes, en cor ocre e fabricadas con materiais resistentes ao paso do tempo, reforzan a identidade local e converten o lugar nun escenario perfecto para facer unha foto de lembranza ou compartir en redes sociais.
O proxecto completouse co adoquinado do vial de acceso -que conta cun sistema de recollida de augas pluviais-, a creación dunha pequena praza que conecta o sendeiro coa praia e co forno, a instalación dun valo de protección e dun escenario accesible para celebrar actividades culturais ou veciñais.
Ademais de mellorar a estética da zona, a actuación resolve a falta de aparcamento e incrementa a seguridade viaria.
O novo espazo conta tamén con iluminación, que destaca tanto os paneis informativos como a senda adoquinada, a praza e o propio nome de Vilaboa, creando unha atmosfera acolledora e sostible.
A posta en valor do Forno do Cal comezara xa en 2022 coa recuperación deste singular elemento do patrimonio industrial de Vilaboa.
Dende entón, o lugar converteuse nun escenario habitual de encontros, actividades e visitas escolares, sendo un exemplo vivo de conservación e divulgación do pasado local.

Este proxecto foi posible grazas á colaboración entre o Concello, a empresa Pesca Puerta, propietaria da parcela, e a Comunidade de Montes de San Adrián, que cedeu os terreos.
O que antes estaba oculto pola maleza "é hoxe unha auténtica xoia patrimonial da que toda Vilaboa pode sentirse orgullosa", destacou o alcalde César Poza. "As letras, a iluminación e o coidado de todo o entorno fan que o Forno do Cal brile con luz propia, visible mesmo desde o outro lado da ría", engadiu.
O rexedor aproveitou para facer un chamamento á veciñanza xa que coidar este espazo é unha responsabilidade compartida. "Preservalo é garantir que Vilaboa siga brillando durante moitos anos".