Vilagarcía acenderá 345 cacharelas na noite máis máxica do ano

O Salnés
22 de xuño 2026

O número total de autorizacións supera en quince as rexistradas o pasado ano, consolidando así o incremento da participación nesta tradición

Praia da Concha-Compostela, en Vilagarcía Concello de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Vilagarcía deu luz verde á realización de 345 fogueiras para a celebración da noite de San Xoán, unha das festividades máis populares do calendario local.

As autorizacións concedidas corresponden tanto a particulares como a asociacións e outros colectivos do municipio. Ademais, nove establecementos hostaleiros obtiveron permiso para instalar grelladas en espazos públicos.

O número total de autorizacións supera en quince as rexistradas o pasado ano, consolidando así o incremento da participación nesta tradición. As relacións definitivas dos permisos aprobados serán publicadas ao longo do día na sede electrónica municipal e no taboleiro de anuncios da páxina web do Concello.

Non todas as solicitudes presentadas recibiron o visto e prace da administración local. Segundo informou o Concello, foron rexeitadas aquelas peticións rexistradas fóra do prazo establecido, que concluíu o pasado 17 de xuño.

A celebración estenderase por todas as parroquias do municipio, onde se acenderán fogueiras en maior ou menor medida durante a noite do 23 de xuño. No caso das praias, todas as autorizacións concedidas corresponden ao areal da Concha-Compostela.

Entre os festexos organizados por colectivos destacan os programados no Piñeiriño, pola asociación O Souto de Rubiáns e polo grupo San Roque, nas Carolinas.

Aínda que San Xoán concentra a maior parte da actividade, moitos dos solicitantes incluíron tamén a petición para celebrar cacharelas con motivo de San Pedro. En concreto, 326 solicitudes de fogueiras e oito de grelladas contemplaban ambas as dúas datas, aínda que tradicionalmente son menos as celebracións que finalmente teñen lugar na segunda xornada festiva.

O Concello lembra que tanto a Policía Local como os servizos municipais de Emerxencias realizarán inspeccións para comprobar o cumprimento das medidas de seguridade establecidas. No caso de detectarse situacións de risco ou incumprimentos das normas, os responsables poderán impedir a celebración das fogueiras autorizadas.