A campaña extraordinaria de primavera dos bonos 'Son da Casa!' arrinca este venres 1 de maio en Vilagarcía coa apertura da venda online e do período de uso nos establecementos adheridos.
En total, poranse a disposición 1.675 bonos a través da plataforma ticket.vilagarcia.gal, aos que se sumarán outras 200 unidades que se venderán de forma presencial o sábado 9 pola mañá na Praza de Galicia.
Tanto a adquisición como o uso de vales van desenvolverse entre o 1 e o 31 de maio.
Cada pack ten un custo de 20 euros e permite realizar compras por valor de 30, grazas á achega municipal de 10 euros.
Poderán acceder a eles as persoas maiores de 18 anos, cun máximo de dous paquetes por persoa, presentando o DNI e correo electrónico na compra online ou o documento de identidade na modalidade presencial.
Os bonos só serán válidos nos establecementos comerciais e de hostalaría inscritos nesta edición, que estarán identificados co distintivo correspondente en escaparates ou accesos.
Os negocios interesados poderán adherirse en calquera momento da campaña mediante solicitude a través da sede electrónica municipal. A relación de locais participantes e os seus sectores está dispoñible na plataforma de venda.
A Concellaría de Promoción Económica impulsa esta edición extraordinaria co obxectivo de dinamizar o comercio e a hostalaría locais, tras a petición da asociación Zona Aberta ante as baixas vendas rexistradas durante o inverno.
O Concello destina a esta iniciativa 18.750 euros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.