O Concello de Vilagarcía aposta por reforzar os Servizos Sociais Municipais ante os cambios sociais e o aumento das necesidades da poboación.
Co obxectivo de garantir unha atención máis ampla, integral e centrada nos dereitos das persoas, o goberno local prevé incrementar nun 24% o orzamento destinado a este ámbito para o ano 2026.
A proposta económica elévase ata os 4,33 millóns de euros, fronte aos 3,5 millóns investidos no exercicio anterior no marco do Plan Concertado. Daquela cantidade, o 74% foi asumido directamente polo Concello, polo que agora se reclama unha maior implicación financeira da Xunta de Galicia para poder facer fronte ao incremento previsto.
Neste contexto, a concelleira de Servizos Sociais, Tania García, xunto coa coordinadora do departamento, Iria Camba, mantiveron unha xuntanza con responsables autonómicos para presentarlles o novo plan e trasladarlles a necesidade de contar con máis financiamento.
Segundo a información que traslada o Concello de Vilagarcía, a iniciativa foi ben valorada pola administración galega, que destacou tanto a súa estrutura como a adecuación ás demandas dos colectivos máis vulnerables, así como o rigor na xustificación das axudas solicitadas.
O Centro de Servizos Sociais de Vilagarcía continúa a desenvolver unha actividade intensa, apoiada nun equipo formado por 15 profesionais entre persoal técnico e administrativo.
Durante 2025, o servizo estruturouse en cinco áreas principais que abarcan desde a información e orientación ata programas de inserción social ou apoio familiar.
A memoria anual reflicte unha elevada carga de traballo. Só na unidade administrativa xestionáronse case 4.400 citas, a maioría solicitadas pola propia cidadanía. Ademais, realizáronse máis de 1.200 actuacións relacionadas con asesoramento e tramitación de recursos, especialmente en ámbitos como a discapacidade, o acceso á vivenda pública ou a escolarización infantil.
Pola súa banda, a Unidade de Primeira Atención e Emerxencias, considerada a porta de entrada ao sistema, levou a cabo máis de 1.000 intervencións vinculadas a situacións urxentes. Entre estas destacan a tramitación de axudas sociais, informes de exclusión ou arraigo, valoracións de dependencia e xestións relacionadas con vivenda, teleasistencia ou programas de apoio a menores.
En termos orzamentarios, máis da metade dos fondos destináronse a programas de apoio á convivencia e á atención no fogar, cun investimento próximo aos dous millóns de euros.
Tamén se reservaron partidas destacadas para accións de prevención e inserción social, incluíndo axudas de emerxencia e subvencións educativas.
Coa previsión de que a demanda continúe medrando, o Concello reforzou recentemente o equipo coa incorporación dunha psicóloga, o que permitiu poñer en marcha unha nova Unidade de Prevención Comunitaria.
Esta medida busca potenciar o traballo neste ámbito e complementar outras liñas de actuación xa en marcha, como os programas de inclusión social, atención ao sinfogarismo ou dinamización comunitaria.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.