Vilagarcía pídelle a Ana Pastor unha parada da liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid

O Salnés
17 de xaneiro 2016

O alcalde de Vilagarcía reclama unha xuntanza coa ministra de Fomento e coa conselleira de Territorio para tratar a intermodalidade da estación da vila ao entender que é necesario sumarse á oportunidade que ofrece a extensión da alta velocidade

Estación de tren de Vilagarcía Juan Mejuto

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela solicitou unha reunión coa ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, para reivindicar que a estación de ferrocarril participe no plan europeo para promover a intermodalidade do transporte. Para este tipo de actuacións, o ministerio conta con 35 millóns de euros.

Varela xa tratara este tema coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez e entende que a estación de Vilagarcía conta con moita actividade e ofrece características similares ás de Pontevedra, coa proximidade física da estación de autobuses. Esta circunstancia, alega o rexedor, abarataría o investimento para a intermodalidad reclamada polas distintas corporacións do municipio.

Sinala que se trata dun asunto de interese comarcal que afecta a Arousa e ao Salnés. O alcalde considera que a estación é unha das máis utilizadas no noroeste peninsular e por este motivo demanda unha parada propia da liña de alta velocidade que unirá Galicia con Madrid.

A corporación vilagarciá apoiou unanimemente esta petición en marzo de 2015, tras a proposta do grupo municipal socialista.