Vilalonga, primeira parada na rolda de visitas de Telmo Martín ás parroquias

Sanxenxo
17 de decembro 2021

O rexedor, acompañado dalgúns membros do equipo de goberno, quere realizar un balance das actuacións, proxectos e xestións realizadas e as que quedan aínda pendentes de executar para o que resta de mandato

Xuntanza do alcalde Telmo Martín coa veciñanza de Vilalonga Concello de Sanxenxo

Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, mantivo esta semana en Vilalonga a primeira reunión dentro da xira que vai realizar polas distintas parroquias para manter contacto con diversos colectivos veciñais e revisar os proxectos executados e os futuros. 

A este primeiro encontro asistían representantes da Asociación de Veciños de O Salnés, Anpa de O Cruceiro, Mulleres Rurais da Candelaria, Villalonga F.C., Club de Xubilados de Vilalonga, Asociación Cultural de Os Cruceiros, Comisión de Festas de San Pedro, Comisión de Festas de Gondar e Codesevi.

Durante a reunión, Telmo Martín, acompañado polos concelleiros Paz Lago e Jaime Leiro, analizou as actuacións realizadas na parroquia como o investimento de seis millóns de euros na construción do colexio do Revel, que foi parella á urbanización do Revel e a renovación do campo de fútbol, que xa ten o selo Fifa Quality.

Anunciou que está prevista a firma do convenio para a cesión da edificación exterior no recinto da subestación eléctrica para a súa derriba coa instalación dunha marquesiña. Mostráronse os planos do proxecto da praza de Vilalonga, cun orzamento de 795.000 euros, unha partida incluída nos orzamentos do próximo ano.

Ademais, Telmo Martín insistiu na necesidade de recuperar a Ría de Arousa para xerar emprego na parroquia. Citou a concesión de 700.000 euros para crear unha senda entre Os Pasales e A  Fianteira, ademais de mellorar A Telleira.

Dentro dos proxectos realizados, explicou que o local social de Gondar está pendente da inauguración oficial. O uso cederase á comisión de festas de Gondar. Tamén se estudou a proposta de situar o novo club de xubilados no edificio do antigo colexio do  Cruceiro.