Vinte e tres empresas optan a construír o campo de herba sintética de Cerponzóns

Pontevedra
01 de xuño 2017

Un total de vinte e tres empresas presentaron as súas ofertas para adxudicarse o contrato de construción do campo de fútbol de herba sintética de Chan do Monte (Cerponzóns), segundo desvelou o goberno municipal. Así consta tras a apertura de ofertas na mesa de contratación celebrada no Concello

Recreación do novo campo de fútbol de Chan do Monte, en Cerponzóns Concello de Pontevedra

Un total de vinte e tres empresas presentaron as súas ofertas para adxudicarse o contrato de construción do campo de fútbol de herba sintética de Chan do Monte (Cerponzóns), segundo desvelou o goberno municipal.

Así consta tras a apertura de ofertas na mesa de contratación celebrada no Concello.

As ofertas presentadas oscilan entre os 755.193 euros e os 1.027.893 euros. Os técnicos analizarán agora as propostas, para descartar posibles baixas temerarias.

O goberno municipal celebra que a práctica totalidade das ofertas inclúan as melloras propostas no proceso de adxudicación, valoradas nuns 150.000 euros.

Iso implica que o Concello confirma que a garantía de mantemento do novo campo pasará dun a cinco anos, que se instalará un valo perimetral, renovarase toda a iluminación exterior e habilitarase unha pista exterior multideporte.

Raimundo González lembrou que, tras a reforma integral do campo actual, as instalacións quedarán habilitadas para fútbol 11, pero ao mesmo tempo terá espazo suficiente para dividir o terreo en dous, para a práctica de fútbol 7.

Ademais, o campo contará cun edificio de 392 metros cadrados, no que se situarán dous vestiarios para os árbitros e catro para os deportistas e outro inmoble de 72 metros cadrados, destinado a aseos e a cantina.

O prazo de execución da obra é de seis meses, polo que o Concello espera que poida estar executada antes de final de ano.