Violeta Mosquera dá "un pouco de caña" nun pregón da Peregrina sen prexuízos, feminista e reivindicativo

Pontevedra
07 de agosto 2021

A batería e voz da banda de rock Bala foi a protagonista do pregón das Festas da Peregrina, nun discurso que se sobrepuxo ás protestas dos traballadores de ENCE para reivindicar unha Pontevedra "sen complexos" e diversa

Pregón das Festas da Peregrina 2021 Cristina Saiz

"Gustaríame facer o meu discurso en linguaxe inclusiva para que todas as persoas se vexan representadas". Con esta declaración de intencións comezou a súa intervención Violeta Mosquera sobrepoñéndose á protesta dos traballadores de ENCE para ofrecer un pregón das Festas da Peregrina repleto de dignidade, reivindicación e feminismo.

A batería e voz da banda de rock Bala sobrepúxose ao complicado da situación acompañada de familiares e amigos para reivindicar unha Pontevedra "sen complexos" que " é moito", porque "Pontevedra é cultura, é diversidade", resaltou.

"Saben de sobra que si me traen aquí, vou aproveitar para dar un pouco de caña. Porque creo que realmente é preciso". Con esa máxima a pregoeira referiuse á violencia de xénero, á saúde mental, á crise climática pedindo consumir "con responsabilidade, merquemos local", ou á desigualdade das mulleres, lembrando "cantos impedimentos atopei no meu camiño como música, cantas veces me dixeron que onde ía ir tocando a batería ou deron por feito que era a moza dun músico cando chegaba a tocar".

Mosquera fixo tamén un chamamento ao "amor libre, sen prexuízos" convidando a todos os pontevedreses "a gozar, con cabeciña, de toda a oferta cultural que ofrece a cidade para estes tempos de festa. Acudide aos concertos, apoiade as artes e a cultura, pois son tempos difíciles".

Luguesa de nacemento pero pontevedresa xa por dereito propio e elección, a pregoeira recoñeceu terse enganchado enseguida á vida cultural pontevedresa vendo "medrar marabillosos proxectos como o Liceo Mutante ou o Surfing the Lérez" ou participando noutra aventura como a do Estudo Bonobo.

Para terminar, tras agradecer a oportunidade de abrir as festas, Violeta Mosquera pechou o seu discurso cunha breve referencia cara á protesta de ENCE, convidándoos a todos ao concerto que a súa banda, Bala, ofrece este sábado nas pistas de Campolongo dentro da programación da Peregrina. "Iso si que vai ser ruído", sinalou con ironía e dignidade desde o palco da Alameda.

Oficialmente Pontevedra xa está en festas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora