A visita de Editorial Galaxia ao CRE da ONCE pon o foco na accesibilidade e a lectura inclusiva

Pontevedra
16 de xuño 2026
Actualizado: 15:06

A editorial presentou no centro da ONCE os seus seis novos audiolibros en galego, dos cales cinco están destinados ao público xuvenil e adulto e un ao infantil

Presentación dos novos audiolibros de Editorial Galaxia

O Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE acolleu este martes a presentación dos novos audiolibros de Editorial Galaxia, unha iniciativa coa que a editorial reforza a súa aposta por un formato que está en auxe dentro do sector.

O acto contou coa participación do director do CRE, José Ángel Abraldes; do director de dobraxe, locutor, actor e formador Julio Lorenzo; da escritora Cynthia Menéndez, autora de 'Son coma glaciares os barcos de aceiro'; e do director de edicións da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro.

A editorial presentou seis novos audiolibros, cinco deles destinados ao público xuvenil e adulto e un ao infantil.

Entre os títulos figuran 'Birken', de Diego Alfonsín; 'Contos gringos', de Lara Dopazo; 'Os mortos que amei', de Iria Collazo; 'Runrún', de Ana Varela; e 'Son coma glaciares os barcos de aceiro', de Cynthia Menéndez.

A eles súmase '10 contos clásicos', unha recompilación dirixida ao público infantil que recupera relatos tradicionais de autores como os irmáns Grimm ou Charles Perrault, con narracións de profesionais da dobraxe como Teresa Santamaría, Ana Maciñeiras, Beatriz García, Ramón Pouso Dios e Francisco Martínez Barreiro, ademais de Julio Lorenzo.

Durante a presentación, os membros de Galaxia subliñaron o crecemento do audiolibro, alcanzando o seu uso un 26,7% en 2025 fronte ao 9,7% do ano 2022.

Este formato, sinalaron, adáptase a novos hábitos de consumo e permite acceder á literatura mentres se realizan outras tarefas cotiás, como conducir, cociñar, desprazarse en transporte público ou facer labores domésticas.

A editorial destacou tamén a importancia de seleccionar textos que funcionen ben en audio e de traballar cunha adaptación coidada, respectuosa coa obra orixinal pero pensada para a escoita.

Neste sentido, Julio Lorenzo detallou o proceso de interpretación, insistindo en que un audiolibro require lectura previa e a construción de personaxes, co obxectivo de que o narrador traslade ao oínte as imaxes que antes construía a lectura en papel.

No caso de Marcos Calveiro, defendeu que o auxe deste formato responde a unha demanda do mercado ao convertirse nunha forma de lectura cada vez máis normalizada entre oíntes de distintas idades.

Explicou que este proxecto dá continuidade á experiencia iniciada pola editorial no ámbito infantil e que agora se amplía con obras de narrativa actual en galego.

Tras o acto, os asistentes realizaron unha visita polas instalacións do CRE, onde puideron coñecer o traballo que se desenvolve diariamente neste centro de referencia do ONCE.

Alí, diferentes membros do centro explicaron os diferentes recursos que utilizan as persoas cegas ou con discapacidade visual para acceder á educación, a información e a autonomía persoal, desde a impresión de libros de texto en braille até o uso de computadores adaptados, lectores de pantalla e liñas braille electrónicas.

No percorrido tamén se mostrou como se elaboran materiais didácticos, con libros impresos en relevo, mapas táctís, maquetas e diferentes elementos de apoio que permiten interpretar espazos, volumes e percorridos a través do tacto.

Estes recursos, destacou o director do centro, José Ángel Abraldes, son fundamentais na aprendizaxe, xa que facilitan a comprensión de todo tipo de contidos, ademais de favorecer a orientación espacial.

O centro conta así mesmo con aulas e espazos específicos para o adestramento da vida diaria en orientación e mobilidade. Nestes espazos ensínase a moverse con seguridade segundo o tipo de solo, as texturas, os cambios de nivel ou os diferentes obstáculos que se poidan atopar.

Desde Editorial Galaxia recoñeceron estar "asombrados" pola visita e subliñaron que sería recomendable que todo o mundo coñecese o centro para entender de primeira man as dificultades ás que se enfrontan as persoas con discapacidade visual.