Este luns comezaron o curso na cidade de Pontevedra 2.496 escolares no caso de educación infantil, un total de 5.176 en primaria. En total en Galicia foron 200.783 rapaces.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañou este luns aos alumnos do Colexio de Seixo, en Marín, no seu primeiro día de clase. E o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiu co mesmo propósito ao de Salcedo.
Segundo o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia o curso arrincou con "total normalidade" nos centros das catro provincias galegas. Só houbo catro centros que non iniciaron as clases hoxe, en concreto nos municipios pontevedreses da Lama e Fornelos de Montes, e nos coruñeses de Santiso e Dumbría.
Nun encontro cos medios explicou que no caso do CEIP A Lama, a unidade técnica e inspección acordaron coa dirección do centro trasladar aos alumnos a unha parte diferente do edificio educativo mentres non finalizan as obras na cuberta para que a actividade lectiva poida continuar con plenas garantías de seguridade.
Ademais, a empresa adaptará os seus horarios de traballo para realizar o maior volume posible do mesmo polas tardes e interferir así menos na actividade lectiva.
Durante a visita a Marín, Román Rodríguez destacou que xa están finalizadas "case o 80% das actuacións previstas" ao amparo do Plan de Infraestruturas 2016/2020, da partida destinada a Reparación, Ampliación e Mellora (RAM) e do Fondo de Superávit e máis do 90% xa foron adxudicadas.