Volve o Caldelas Tapas Quentes

Ponte Caldelas
20 de novembro 2017

Ao prezo de 2,50 euros pódese gozar de magníficas propostas culinarias acompañadas dunha bebida básica

O xurado do "Caldelas Tapas Quentes" xa decidiu a tapa gañadora Concello de Ponte Caldelas

As noites de venres do mes de decembro volverán estar do máis animado na hostalería de Ponte Caldelas. O Concello volve poñer en marcha o concurso gastronómico Caldelas Tapas Quentes, que chega coa participación de 13 establecementos, un máis que ano pasado, e cunha oferta máis que apetitosa.

As noites dos venres 1, 8, 15, 22 e 29 de decembro seguirán a ofrecerse tapas ao prezo único de 2,50 euros, incluíndo unha bebida básica, é dicir, sen primeiras marcas.

O establecemento gañador do concurso sairá da decisión xa tomada polo xurado composto por Rubén González (Cafetín de Pontevedra) e Sergio Orge (ata o de agora cociñeiro tamén do Cafetín, pero que vén de emprender unha nova aventura gastronómica con sede en Barro). A cata do xurado profesional xa se realizou e o fallo está depositado en sobre lacrado que se abrirá ao remate do concurso nun acto público.

O goberno local decidiu o ano pasado desdobrar o concurso de tapas de verán cunha edición de nadal como fórmula de apoio constante á hostelería. A resposta dos empresarios foi entusiasta e este ano crece a participación, incorporando á práctica totalidade dos locais.