O número de lombos instalados na estradas provinciais de Xeve e Verducido sería "obrigatoriamente" máis elevado se a Deputación optase por seguir a normativa de Fomento para a colocación destes redutores físicos de velocidade. É a conclusión do informe técnico que vén de desvelar a institución provincial tras as críticas veciñais.
O informe, emitido polo servizo de Mobilidade, asegura que a norma estatal aconsella que a distancia entre os redutores de velocidade consecutivos non supere os 150 metros e en Verducido e Xeve a separación media é de 189 e 194 metros, respectivamente.
Así, Fomento recomenda entre 7 e 20 redutores por quilómetro de vía e, insisten os técnicos, "é a normativa-recomendación que máis distancia permite, xa que para outras publicacións este número de redutores sería maior".
O tramo de estrada provincial EP-0011 en Verducido no que se instalaron os redutores de velocidade por parte da Deputación ten una lonxitude de 3,4 quilómetros, e o tramo da EP-0018 en Santa María de Xeve de 3,1 quilómetros.
Coa recomendación de Fomento, os técnicos sinalan que deberían terse colocado entre 24 e 68 redutores na EP-0011, e entre 22 e 62 redutores na EP-0018, cifras "bastante máis elevadas" que os realmente proxectados e instalados.
Na EP-0011 instaláronse 18 elementos de calmado do tráfico a unha distancia media de 189 metros entre redutores consecutivos, e outros 16 elementos na EP-0018 a una distancia media de 194 metros.
En ambos casos supérase a recomendación máxima de 150 metros e chégase case ao límite non recomendado dos 200 metros de separación, algo que o técnico redactor do informe completa asegurando que "tanto nun caso como noutro hai situacións nas que a separación entre redutores supera amplamente o límite dos 200 metros, chegando incluso a 350 metros".
O servizo de Mobilidade lembra que a liberdade que a ordenanza da Deputación concede aos técnicos proxectistas para instalar os redutores en función das circunstancias da estrada concreta, permite que o número de redutores poida ser inferior ao fixado por Fomento.
O PP PIDE RECUPERAR O CONSENSO
Con respecto a este asunto, o Partido Popular solicitou ao bipartito que recupere o consenso e o diálogo que había cos veciños do rural.
O voceiro, Ángel Moldes, aclara que desde o PP non critican a instalación de lombos, "porque eran medidas de seguridade que xa se utilizaban anteriormente", senón que denuncian o "uso abusivo e indiscriminado" e que se coloquen "por imposición e sen escoitar nin atender o que os veciños opinan ao respecto".
"Non veñen a descubrir nin a inventar nada novo, as medidas de calmado de tráfico non as inventa a nova Deputación pero o certo é que nunca se levantou un rexeitamento social como o de agora e era porque se consensuaban directamente cos veciños", sinala Moldes.
Ademais, desde o grupo PP aseguran ter serias dúbidas sobre se é estritamente legal colocar este tipo de lombos en vías interurbanas sen núcleos de poboación, nin casas nin zonas habitada; e piden ao goberno que estableza prioridades, "porque non poden basear todo o proxecto de seguridade vial da Deputación en lombos, cando hai estradas provinciais sen limpar, co asfalto deteriorado ou sen beirarrúas".