A provincia de Pontevedra parece estar abonada aos quintos premios deste sorteo extraordinario da Lotería de Nadal. Catro dos seis que saíron do bombo a tal hora, as once da mañá, deixaron diñeiro entre os pontevedreses.
O sexto en saír, o número 86007, como os anteriores, reparte 6.000 euros ao décimo.
Foi un número que estivo moi repartido en toda a xeografía nacional, aínda que foron varias as localidades pontevedresas ás que sorriu a sorte.
A cidade de Pontevedra está entre elas, xa que varios décimos vendéronse en Monte Porreiro, no punto de venda da rúa Portugal; e no Café Bar Casa Rey, de Santo André de Xeve.
Ademais, o restaurante Hogar del Puerto de Combarro, que tamén despachou outro dos quintos premios, o 01568, figura entre os puntos de venda do 86007, do mesmo xeito que na Librería Abrente de Bueu e na administración número 1 de Moraña.
Neles, segundo os datos oficiais, vendeuse un único décimo por máquina, excepto en Bueu onde repartiron ata dezaseis boletos, o que supón un total de 96.000 euros.
Forcarei, Cangas, O Rosal, Vigo e O Porriño completan as localidades nas que se venderon décimos deste quinto premio.