Yoya Blanco e Iván Puentes presentan en FITUR, coa axuda de Bruce Lee, a Pontevedra como ecodestino

Pontevedra
19 de xaneiro 2023

Á presentación asistiron José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Luis López, delegado da Xunta en Pontevedra; a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias; a parlamentaria Leticia Gallego; a senadora Marica Adrio; o deputado Guillermo Meijón e representantes do sector empresarial como o presidente de APE, José Ramón Caldas

Presentación de 'Turismo de Pontevedra' en FITUR 2023 Concello de Pontevedra

"Moi contenta pola venda que fixemos da cidade", con estas palabras Yoya Blanco, concelleira delegada de Turismo, avaliaba a presentación na Feira Internacional de Turismo FITUR 2023 de 'Turismo de Pontevedra', que realizaba este xoves 19 acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.

A concelleira pontevedresa definía a presentación como unha "performance que decidimos sempre no último e a xente saíu moi contenta" ofrecendo as dúas principais propostas de atractivo turístico: Pontevedra Flúe e Pontevedra Capital Gastro cos vídeos protagonizados por Bruce Lee e Paco.

Ao acto asistían  José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Luís López, delegado da Xunta en Pontevedra; a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias; a parlamentaria leticia Gaellego; a senadora Marica Adrio; o deputado Guillermo Meijón;  representantes do sector empresarial como o presidente de APE, José Ramón Caldas; e os concelleiros da corporación pontevedresa Marcos Rey e Goyo Revenga.

Iván Puentes tamén destacou o éxito da presentación ao afirmar que "logramos que Pontevedra sexa lembrada e que nos próximos doce meses aquelas persoas que queiran vir a Galicia ou ás Rías Baixas seleccionen Pontevedra como destino".

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembrou os 7,5 millóns de euros destinados a investimentos en espazos naturais do municipio que "fan máis atractiva a cidade para os turistas e tamén para os pontevedreses". "Queremos un turismo de calidade, que xere emprego", aseverou sinalando que durante o acto se promocionaron os recusos gastronómicos, vitivinícolas e paisaxísticos "cun dos mellores centros históricos de España" que ofrece Pontevedra.

Yoya Blanco insistiu, pola súa banda, en que a promoción neste evento conleva un retorno extraordinario para a cidade. "Se non estamos en FITUR non existes para o turismo", apuntou indicando que o Recinto Feiral Ifema onde se desenvolve este acontecemento turístico atópase cheo de xente durante estes días alcanzando as cifras de visitantes previas á pandemia.