Zona Franca apoiará o desenvolvemento do polígono de Carracedo

Umia
27 de febreiro 2023

O delegado do Estado, David Regades, mantivo unha reunión co alcalde, Juan Manuel Rey, membros do goberno municipal e empresarios do municipio

Reunión de David Regades co equipo de goberno de Caldas de Reis e empresarios do municipio Zona Franca

Zona Franca de Vigo apoiará ao Concello de Caldas de Reis para desenvolver o polígono empresarial de Carracedo. 

O delegado do Estado, David Regades; mantivo unha reunión no Concello co alcalde, Juan Manuel Rey, membros do seu equipo de goberno e empresarios do municipio, na que acordaron a posta en marcha dun estudo de viabilidade e a firma dun convenio para o desenvolvemento desta zona.

O delegado do Estado, David Regades, destacou que Zona Franca ten unha experiencia de 75 anos desenvolvendo parques empresariais, "que deron como resultado 8 millóns de metros cadrados para as empresas". Neste sentido lembrou que "grazas a eses investimentos tan ben planificadas podemos dicir que a produtividade media por empregado das empresas instaladas en parques que desenvolve a Zona Franca é superior á media da contorna".

Pola súa banda o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, sinalou que "o Concello ten un interese enorme en desenvolver esta zona industrial, ao carón dos empresarios".

O polígono de Carracedo, dun millón de metros cadrados, ten unha localización central no Eixo Atlántico, con acceso directo á AP-9, liña de alta tensión a 500 metros, gasoduto e infraestrutura ferroviaria próxima.

Zona Franca e o Concello de Caldas de Reis xa colaboraron anteriormente na mellora dos accesos ao polígono empresarial de Veigas de Almorzar e no impulso do proxecto do polígono industrial de Paradela. Ademais, Caldas é un dos municipios que asinou con Zona Franca un convenio para a súa inclusión no plan estratéxico da provincia, no que traballa o Consorcio, que incluirá un diagnóstico territorial e unha folla de ruta con actuacións específicas para mellorar a competitividade económica e a calidade de vida.