Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 14ª xornada
Pouco ou nada se aclarou nesta xornada pola parte alta da clasificación, se cabe certificar a superioridade do líder, que xa deixa a trece puntos ao quinto clasificado. Como resultado de que os cinco perseguidores non gañaron ningún, se produce un novo reagrupamento e por primeira vez no que vai de liga, se sitúan nos catro primeiros postos os candidatos máis firmes para disputar ao final da tempada a fase de ascenso.
Non decepcionou o partido da xornada celebrado en San Lázaro, onde un Compostela en forma viu freada a súa traxectoria por un Pontevedra que ofreceu a súa mellor versión como visitante.
Diciamos a semana pasada que coidado ao Bergantiños, que recibía o único equipo que non sabe o que é perder como visitante e se volveu confirmar, e de que xeito, cun 0-3 que non ofrece dúbidas. Esta liga está tan igualada que o Alondras, como produto da súa derrota ante o Rápido, pasa do quinto posto ao noveno e así estamos a ver cada semana os cambios brutais na clasificación.
Mal resultado o obtido polo Villalonga ante un rival directo e co engadido de que polas expulsións de Roberto Piñeiro e Saúl, perde dous xogadores máis para afrontar o partido tan importante que ten a próxima semana ante Céltiga.
Pola parte de debaixo da clasificación vemos como ningún dos catro que ocupan as últimas posicións foron capaces de gañar e os únicos puntos que fixeron foi en duelo directo, Dorneda-Narón, que finalizou con empate. Mal futuro se lle augura aos residentes nesas posicións.
Atención ao que se vía vir, e tan só estamos a falar da xornada décimocuarta, e é que xa están asomando ás convocatorias e mesmo con presenza no equipo inicial, xogadores das categorías inferiores como consecuencia dos equipos tan curtos de que dispoñen a maioría dos equipos. Mesmo o líder se ve afectado por este problema e na xornada de onte dispoñía de catro xuvenís na súa convocatoria.
Todos os anos falamos do equipo revelación e do equipo que está a decepcionar, pois ben neste último apartado sorpréndenos a mala traxectoria do Cerceda, que non consegue unha regularidade que lle permita achegarse as primeiras posicións. Se ben é certo que polas escasas diferenzas a pesar de ocupar a décimo cuarta posición non o descarto por estar a tan só cinco puntos do cuarto clasificado.
REXIONAL PREFERENTE
Máis do mesmo nesta categoría onde ningún dos catro primeiros clasificados conseguiu a vitoria e, como en terceira división, equipos que se vían descolocados, se sitúan a poucos puntos da cabeza.
Tampouco decepcionou o partido da xornada Arosa-Cultural de Areas. De entrada dicir que se adianta o Arosa e aos vinte e cinco minutos ve como o líder lle remonta e se pon 1-3, co problema para os locais que poucos minutos despois perden a Vixo por expulsión. Pois ben, os locais tiran de casta e conseguen igualar a falta de trinta minutos, nun partido sen control, digamos deses onde os adestradores non están contentos polo sucedido no terreo de xogo, pero que os afeccionados agradecen, de tal maneira que ao rematar o duelo se vende o empate como unha vitoria, e o Arosa segue tendo intactas as súas posibilidades pois se mantén a só seis puntos do ascenso.
Posibilidades que o Ribadumia ve cada día mais lonxe e unha vez máis volveu fallar ante un rival da zona crítica e menos mal que rescatou un punto na recta final, pois ben, o domingo ten a oportunidade de recortar de forma directa coa cabeza, dado que se enfronta ao líder.
A destacar a vitoria contundente do sorprendente Gondomar, cun triplete do indiscutible (por calidade) Silvio. Tamén chaman a atención dous equipos en alza: o Portonovo, que facéndose forte en Baltar xa está ao axexo das primeiras posicións, e o Choco, que con outro gol de Chus se está a incorporar ao grupo dos grandes e ten que recibir na próxima xornada o Arosa.
Como partido da xornada, me inclino por un duelo de rivalidade entre dous equipos recén chegados á categoría e que gañaron o distintivo de equipo revelación, e non son outros que o Valladares e o Gondomar, segundo e quinto na clasificación, separados por un só punto.