Ramiro Espiño
Doce anos despois volvemos ao punto de partida?
Setembro de 2000. O Pontevedra, presidido entón por Gerardo Lorenzo, vivía ao bordo da desaparición por mor dunha angustiosa débeda. Máis de 600 millóns de pesetas (3,6 millóns de euros) lastraban un equipo que era de todos, pontevedreses e seguidores de calquera latitude. Lorenzo sácase da chisteira unha solución por entón inédita: meter o club nos xulgados e sometelo a un procedemento de "quita e espera", unha especie de precursor da actual lei concursal.
Hai máis de doce anos. Conséguese a adhesión de Facenda, Seguridade Social e Concello, máximos acredores da entidade granate, e asínase un acordo histórico que permite rebaixar a débeda a algo menos de 200 millóns de pesetas (1,2 millóns de euros). O club eludía a espada de Damocles que pendía sobre a súa cabeza e seguía adelante...seguía sendo patrimonio dos pontevedreses e tiña futuro.
Dende entón pasaron moitas cousas. Anos moi bos (os primeiros sete de Mirón) e outros horribles (os últimos cinco; tres do mesmo Mirón e os dous últimos nin sábese con certeza de quen). Anos nos que o club, ou os que o rexían, perderon a memoria dun pasado non tan antigo e optaron por unha perigosa "fuxida cara a diante", en busca dunhas glorias deportivas que tapasen unha delirante xestión económica.
No camiño, e como resultado, máis de 4,5 millóns de euros de débeda (superior á de hai 12 anos), o primeiro equipo afundido en terceira división, arrastrando penurias, sen visos de recuperación a curto prazo e, o que é peor, sendo propiedade privada dun dono ou donos que non exercen, e en mans duns xestores dignos de todo respecto na parte económica, pero faltos de coñecementos deportivos e sensibilidade no trato cos siareiros.
Doce anos despois, por segunda vez na súa historia, o Pontevedra pasa polos xulgados buscando solución aos seus problemas. E lógrao. Volvemos a onde estabamos?. Pois só a medias. Volvemos ter 1,2 millóns de débeda (ben nese aspecto pola xestión de Mauricio Rodríguez), posiblemente un pouco máis se algún dos acredores non transforma en accións a súa. Imos, máis ou menos as cifras de hai doce anos, pero cunha diferenza substancial, ou dos...o quizais tres...
Vexamos:
1º) Por un lado a débeda pendente é con organismos que xa recibiron orde do Goberno estatal de que se remataron as "coñas" co fútbol, o que obriga a atarse os machos para facer fronte a esa cifra, polo que, ou a ampliación de capital, con achegas novas, é un éxito, ou puidemos estar a nadar para rematar morrendo na beira (gustaríame equivocarme).
2º) Hai doce anos polo menos estabamos nunha categoría superior. Hoxe nin trazas de saír da terceira, polo menos a curto prazo (gustaríame equivocarme aquí tamén).
E 3º) También hai doce anos o club era o noso, de todos os socios e simpatizantes, e hoxe é duns señores, accionistas, algúns dos cales teñen que ver moito coa situación na que estamos, e témome que o seguirá sendo (e neste punto máis que en ningún tamén me gustaría equivocarme e ver que por algún milagre o Pontevedra volva ser un pouco de todos).
Doce anos despois volvemos ao punto de partida?...lamentablemente non, pero polo menos é un comezo, un raio de luz e esperanza.
Queda moito camiño por percorrer. Mauricio Rodríguez confirmaba á saída do Xulgado que deixa a presidencia en breve. No que non foi tan rotundo foi en afirmar se tamén se apartaba dun futuro Consello de Administración, e ben faría en pasar páxina el e todos os seus compañeiros de viaxe, deixando entrar aire fresco. A súa xestión no aspecto económico parece intachable e digna de eloxio, outra cousa é a parte deportiva e social e neses a planificación deportiva e a fractura coa afección fan pensar que o máis prudente é pasar páxina, porque hai demasiadas feridas, demasiadas frontes abertas, moitos deles por falta de tacto ou man esquerda.
Que vinga alguén coa mente clara e ideas renovadas. Que veña alguén a servir e non a "servirse. Que veña alguén antepoñendo o seu amor ao Pontevedra a calquera outra consideración, que sexa capaz de xuntar sentimentos e gañar apoios, mantendo os pés no chan iso si, para que dentro doutros 12 anos non volvamos ao mesmo punto, pero ao mesmo tempo capaz de conseguir que non pasemos os próximos doce anos sen ilusión nin ambicións.
26-11-2012