Ramiro Espiño
Quedan 90 minutos... e por que non máis?
Foi un pau. Claro que o foi. Todos esperabamos máis, un mellor resultado. O empate obriga a viaxar a Portugalete en desvantaxe, pero non derrotados, nin moito menos eliminados. Que somos o Pontevedra carallo! e a sufridores e sufrimentos non nos supera nin o Atlético de Madrid. E se mesmo a estes, que gañaron con xustiza o apelido de "Pupas", lles chegou o seu ano de gloria por que non vai ser tamén o noso? Á fin e ao cabo, unidos na desgracia, fagámolo tamén na festa.
Claro que sairán os de sempre resgándose as vestiduras e "rachando" de todo o que se menea. Confeso que ás veces tamén a min me entran ganas de facelo. Dende o Consello de Administración fixéronse cousas ben e outras (bastantes) non tanto. Unhas por descoñecemento (ou iso quero crer) e outras por necesidade (e refírome ao do prezo das entradas combinado co feito de vender por unhas fragullas os dereitos televisivos, hipotecando nun só partido posiblemente máis do que se percibe en toda a tempada).
Non se acertou, e con iso perdeuse unha forza que ningún outro club na categoría ten ao seu favor. A forza dunha bancada fantástica (os que estiveron), pero na que faltaban moitos que noutras condicións tivesen asistido, contribuíndo a marcar ese primeiro gol que se buscaba.
Pero non é momento de reproches. Polo menos iso creo. Tiempo haberá de analizar o que sexa mester cando todo remate. Cónstame que algúns membros do propio Consello o fixeron xa nestas horas e, se a sorte acompaña e se como espero e desexo seguimos na loita, a segunda eliminatoria prepararase de forma diferente.
Fronte ao Portugalete de novo era obrigado facerse a pregunta que tomamos prestada ao Atlético de Madrid: "Papá, por que somos do Pontevedra? " Despois de facer o difícil que é sempre adiantarse no marcador nun play-off, deixámonos roubar a carteira un minuto despois. Pero hai que extraer cousas positivas, ou intentalo polo menos.
A primeira, que despois de saír como flans, agarrotados pola responsabilidade, respectando en exceso o rival, acogotados fronte ao seu pulo en lugar de "angustialos" facéndoos sentir o peso dun escenario grandioso para a categoría, os granates se refixeron e na segunda parte foron superiores en todo, aínda que lles faltou pegada, pero deixaron claro que non son inferiores.
A segunda, que dentro das limitacións dalgúns xogadores, todos demostraron ganas, vontade e implicación na causa. Que queredes que vos diga. Eu víalle menos posibilidades a aquel Pontevedra de Pablo Alfaro e de non ser polas calamitosas arbitraxes sufridas case condúcenos á gloria, subidos no carro da motivación.
A terceira, que o equipo non estará só en terras vascas. Quizais sexan poucos os que viaxen, pero deixaranse a alma como o fixeron en Pasarón. E os xogadores sentirán o seu respaldo, tanto como o apoio dos que aquí queden. Uns e outros queren volver a Pasarón para velo vibrar unha semana máis tarde.
E a cuarta, simplemente que nos toca. Ademais, para os que creen nas coincidencias deixo o dato. A historia do Pontevedra reflicte que os seus ascensos sempre se produciron de forma alternativa: na casa, fóra, na casa, fóra. O último chegou en Pasarón...
Por iso en momentos así hai que virse arriba. Difícil estaba en Miranda de Ebro e gañouse. Dificilísimo en Vitoria, e tamén. Case imposible en Oviedo, e vivimos un día máxico. Toca apelar á épica.
A pasada semana o corpo técnico levouse ao equipo a facer prácticas de golf para relaxar o ambiente. Propoño que nesta a actividade sexa oposta radicalmente. Se eu fose Manu Fernández prepararíalles un vídeo con imaxes deses partidos míticos. Recuperaría homes que viviron dende dentro a preparación do partido de Mendizorroza, especialmente a chegada do autobús a un estadio abarrotado...¡cómo botaba ese autobús cos xogadores dentro enardecidos!...alí empezouse a gañar o partido.
Quedan 90 minutos por diante. 90 minutos desta primeira eliminatoria, pero, por que non máis? Difícil, si. Ninguén o dubida, pero imposible, non. ÿ cuestión de crelo. Este club está máis que afeito a situacións límite. O que inventou a famosa "moral do Alcoyano" non coñecía Pontevedra. Podemos caer de novo, pero nunca deixaremos de levantarnos...entonces teremos a resposta á pregunta de por que somos do Pontevedra?