Beatriz Suárez-Vence Castro
Tesouros da ría
Pontevedra é terra de tesouros agochados. Non en balde tivemos un pirata famoso. O tintinar dourado que gardan os cofres pódese oír nas rúas do casco antigo e tamén na cercanía do mar. A pasada fin de semana una querida amiga fíxome chegar un mapa cunhas coordenadas.
E saín á procura dun lugar que non sabía que existía. Non foi doado atopalo, como case que todo o que é bo. Había moito tempo que a realidade tíñame atrapada. Esquecera o poder da maxia, das fadas que poboan o rural da nosa vila. Pero alí estaba aquel mapa para abrirme os ollos.
A miña viaxe comezou no asfalto ata que un indicador que brotaba no medio da herba amosoume un camiño xa moi feito pero novo para mín e cheguei o reino das fadas.
"Noite de Fadiñas" foi a presentación do novo traballo de 2na Fronteira, titulado "Zapatiños para Díaz Castro" na noite do sábado no Pazo Larache, en Santa Cristina de Cobres, Vilaboa.
Din que a xente fronteiriza, a que nace preto dunha fronteira, ten una sensibilidade especial porque pode ser de moitas terras a un tempo. Sae a coñecer o mundo tan pronto como pode para traspasar a liña que ten marcada aos pes. E cando e quén de atrapar o mellor de tantas terras volta a súa, onde naceu, que é a que sinte máis fondamente.
Carmen Pením e Maurizio Polsinelli, 2 na Fronteira, parecen estar feitos de esa pasta especial. Mauricio pon a música e Carmen, a voz. Fan cancións, ademáis de con letras propias, con poesía de autores galegos ou que nalgún momento da súa vida tiveron alguna vinculación con Galicia. No concerto do sábado fixéronos camiñar cuns zapatiños que fabricaron para Díaz Castro e os seus poemas porque en palabras de Carmen: "A música tráenos a poesía pasiño a pasiño".
Deu Carmen o recital degranando paseniño a poesía do autor que poñía nome ó disco e tamén de Rosalía, Curros Enríquez, Uxío Novoneira,Xosé María Álvarez Blázquez.. e mesmo algún tema propio. Tamén descubrimos por medio dela os poemas galegos que estudiou o mesmísimo Federico García Lorca. Ten sentido este interese lorquiano na poesía galega porque o poeta andaluz atopaba semellanzas entre o feitizo de Santiago de Compostela e o "embrujo" da cidade de Granada.
O poeta lúcido que acercaba terras no canto de suliñar fronteiras. A mirada profunda de Lorca tamén supo ver os tesouros agochados no noso, no seu. Ten esta intérprete unha voz que, como dixo Cáncamo na presentación do concerto, "parece subterránea, submarina". E certo que brota de moi fondo.Parece saír directamente das súas entrañas.
Maurizio, a outra metade de 2 na Fronteira, fai o acompañamento imprescindinble ó teclado pero sobre todo co armonio, instrumento pouco coñecido que ven sendo unha mestura entre zanfona e acordeón e que ten a súa orixe nas igrexas. Adoitaba soar nas misas cantadas cando as parroquias non tiñan fondos para mercar un órgano. Co seu queixido morno,suave, é o instrumento perfecto para amosar que non hai música nin verso que sea pequeno porque todo o que ámbolos dous fan sentir é ben grande.
Todo foi compartido nun entorno natural e coidado, facendo da natureza a outra protagonista da noite, reflectindo así o papel principal que ten, do mesmo xeito, na poesía galega. O redor, o bosque; O fondo, o mar.
Larache foi o tesouro que dei atopado na noite o pé da nosa ría seguindo o mapa que debullaron para mín unhas mans amigas. E fíxome feliz. Por iso gústame recordarlles que o verán e tempo de concertos. Poñan un na súa axenda. Non fai falla que sexa de moita xente ou de entrada cara. Chega con que nos axude a sacudir o letargo do inverno. Despois dunha dose de música e poesía un sente que paga a pena camiñar pola terra. Porque vivir, coma din os poetas galegos "agarrado á beleza" é o único que fai soportable todo o demáis.