Ramiro Espiño
A culpa é de Íker Casillas
Vaia por diante dicir que o que lle pase ao Real Madrid non é que me preocupe especialmente (o meu en fútbol é o "noso" Pontevedra e xa teño bastante), pero despois de ver o partido de ida da supercopa de España e as "obxectivas" opinións "cavernarias" non me resisto a deixar de comentar o seguinte sobre o gol do empate e a sistemática "lapidación" á que está sometido Íker Casillas dende que o tal Mourinho (inventor do fútbol moderno) se empeñou en sinalalo co dedo polo simple feito de negarse a ser unha marioneta máis dos seus desvaríos.
Anticípome a dicir, antes de que algún me salte á xugular, que nada teño contra Diego López. Ao contrario, o galego foi, como antes o seu compañeiro Adán, unha arma arroxadiza, un instrumento que utilizou o "portugués" primeiro e o "tito" Floren, despois (ou pode que ao mesmo tempo ambos os dous, que non me estrañaría), e que bastante fixo con realizar o seu traballo de forma calada e digna, aguantando estar no centro dunha polémica indesexada por eles, os deportistas, e alimentada por lambecús e paniaguados ao servizo do poder supremo.
Reviso o vídeo do partido, do derby madrileño, e é verdade, Casillas falla. Pero é o primeiro que o fai, ou o único? Antes de chegar a el, o balón pasa por diante de Benzemá (que nin salta nin intenta estorbar), por enriba de Xabi Alonso (que mide mal), entre as cabezas de Toni Kroos, Marcelo e Carvajal (os dous últimos agáchanse en lugar de saltar), ao lado de Bale (que o ve vir coma se fose un espectador) e iso por non citar a Sergio Ramos (que non pecha e deixa só dentro da área de meta a Raúl García) ou Pepe (que se cobre a si mesmo no segundo pau sen facer movemento táctico ningún).
Despois de todo ésto, si, A CULPA ÿ DE CASILLAS.
En calquera outro país a un xogador que é un auténtico mito (ata para os seus rivais), que o gañou todo (para o seu club e para a selección) non se consentiría o LINCHAMENTO MEDIÁTICO a que se lle somete día tras día. En Inglaterra onde se rende culto ao fútbol e os seus códigos tería un monumento á porta do estadio.
Aquí non, aquí simplemente analízase, búscase calquera xesto seu para desprestixialo. Aquí ignórase que é o único porteiro que logrou ser considerado como MELLOR PORTEIRO DO MUNDO durante cinco anos consecutivos, curiosamente xusto ata que o "Gran Mourinho" empezou a súa burda campaña.
Claro que non ten que xogar por decreto. Claro que ten que gañar o posto. Que o pasado no fútbol non garante nada, porque se o fixese seguirían xogando Amancio ou Gento. Pero estou seguro de que se lle deixan tranquilo, se recupera a confianza, volverá ser o tantas veces chamado "Santo" para facelos comer o apelativo "Topor" aos desmemoriados. Porque ademais da presión, algo terá tido que ver coa súa suposta baixa forma o feito de telo no banco tanto tempo, circunstancia inédita no mundo do fútbol cando se trata dun posto de "especialista" como o de porteiro.
E para os que me digan que a miña opinión non é obxectiva, porque son "culé", recórdolles a miña "orde de preferencias" futbolísticas, nunca ocultada. Primeiro son do Atlético de Cuntis, logo do Pontevedra, despois de calquera equipo galego e para rematar, tras esa longa lista, si, son do Barça, e como "culé" me rendo a un tipo como Íker Casillas e digo que aínda agora, se o Madrid e os madridistas non o queren, estaría encantado de que tomase a "ponte aérea", polo menos así os "merengues" que parecen odiar e desprezar a Casillas terían un motivo real para facelo, máis que o veleno que lles inoculou o "inventor do fútbol", ese mesmo que os deixou tirados en canto lle conveu para volver a Londres.
A todo isto, as palabras do actual adestrador do Real Madrid, Carlo Ancelotti, na rolda de prensa foron para afirmar que o gol de Raúl García chegou por "non" cubrir o primeiro pau", non polo fallo de Casillas.
Agora, que os "lambecús" do Tito Floren lle sigan facendo a súa campaña de acoso e derrubamento.
E para os "abducidos" que o sinalan como "TOPOR", a "toupa" do vestiario, simplemente dicilos que en calquera vestiario do mundo, toupas hai moitos, non só un, e no do Madrid, a primeira "toupa" era precisamente quen tivo a desvergonza de sinalar a Casillas. Agora espero os paus. O "mourinhismo" militante non deixa pasar nin unha.