Beatriz Suárez-Vence Castro
Namorando
"Abride escolas e han pechar os cárceres". A frase pertence a Concepción Arenal, quen xa no século XIX tentaba concienciar á sociedade da importancia que ten a educación como ferramenta preventiva de delitos. Non era Arenal unha muller que aprendera somentes nos libros. Unha teórica pechada ó mundo. Foi Visitadora de Cárceres de Mulleres, cargo que lle concedeu o Ministerio de Xustiza no ano 1863 e desempeñou ata 1865. Este posto permitíalle dar a coñecer as condicións nas que se atopaban ás presas, tentar dignificalas e promover a súa reinserción social. Avogada, socióloga e poetisa, segue a ser unha autora pouco lida.
Hai dous anos, Televisión Española recuperou a súa figura para unha serie protagonizada por Blanca Portillo que pasou polas pantallas sen pena nin gloria.
Sen embargo, a pegada daqueles primeiros pasos que deu Concepción para abrir unha sociedade pechada á educación das mulleres segue moi presente hoxe. Parécenos imposible agora que ela tivese que disfrazarse de home para poder asistir a clase na Facultade de Dereito.
Aínda así quedan moitas cousas por facer.
O estudo anual de Unicef, publicado recentemente é descorazonador. Hai nove millóns máis de nenas que de nenos sen escolarizar no mundo. Aínda que o número de varóns que non van a escola é elevadísimo, seguen a ter prioridade sobre as mulleres. O organismo das Nacións Unidas para a Infancia está especialmente decidido a loitar contra o analfabetismo da muller. Explica que a inserción escolar das nenas, en canto que mellora o seu coñecemento sobre a súa saúde e a dos seus futuros fillos, axuda a reducir a mortandade infantil. As nenas que reciben instrución quererán que os seus fillos tamén a teñan. A ignorancia propicia ademáis que as mulleres sexan máis susceptibles de ser explotadas sexualmente.
O ano 2015 sitúase como prazo para acadar a igualdade ó acceso a educación con independencia do sexo.
Mentres tanto, a nivel local véñense facendo programas como "Namorando", promovido pola Concellería de Bienestar Social, que acaba de implantarse este ano na nosa cidade para que rapaces de primaria e secundaria sexan conscientes de que as relacións entre homes e mulleres deben ser igualitarias. Para que saiban como construír as bases dunha relación de parella sá. A escola pode actuar como corretora de comportamentos non axeitados e como entorno no que os nenos poden resolver as súas dudas sobre o mundo de relacións que comenzan a construír.
As aulas ábrense así á educación das emocións, tan importante como a adquisición de coñecementos. Hai moitos rapaces e rapazas que, sendo bos nos estudios, teñen sen embargo problemas de comportamento. Preocupámonos máis en xeral, tanto país como educadores, de que saquen boas notas que da súa saúde emocional cando é ista a única que garante que non teñan problemas no futuro. Ter unha boa nota media para poder cursar a carreira que escollan é importante pero tamén o é que escoiten o que senten. Terán que construír no futuro unha vida profesional produtiva pero se iso falla, como eles mesmos saben que pode suceder, deben ter cando menos vínculos afectivos firmes nos que poder ampararse.
Concepción Arenal afirmaba que un delincuente non nace, se fai. As veces por non ter a ninguén ó seu lado. Porque el mesmo non sabe querer a ninguén.