Ramiro Espiño
Un pouquiño de por favor... e un respecto á afección granate
Dende o mesmo instante que o árbitro pitou o final do partido do domingo entre Pontevedra e Xuventú Sanxenxo, veño facendo verdadeiros esforzos para non saír ao paso de determinados comentarios, que pouco menos que pretenden culpar á afección do Pontevedra de que o equipo non estea a dar o talle que se lle supón e que nos venderon.
Que se a excesiva esixencia dalgúns, que se os asubíos prematuros, que se os nervios excesivos, que se a falta de paciencia para esperar uns resutados que non chegan e distan moito do que todos (ou case todos) quixeramos.
Nada máis saír de Pasarón, á parte do cabreo, a división era palpable. E para botar máis leña ao lume vai o bo de Ángel Oliveira, técnico do conxunto amarelo, na rolda de prensa correspondente (sen dúbida de boa fe e quizais intentando botar un capote ao seu colega de banco e ao propio equipo rival), manifesta: "Me esperaba del Pontevedra lo que vi, pero sin ánimo de ofender, me esperaba más de la afición, es muy difícil ganar cuando te pitan todo el rato".
Por se fose pouco, uns días máis tarde, nunha entrevista realizada por Juan Martínez, para Faro de Vigo, era Javi Otero, xogador granate da pasada tempada e actualmente nas filas do próximo rival, o Rácing Villalbés, quen declaraba: "te encuentras con muchas cosas que pasan ahí dentro y que no puedo comentar. En los años que llevo jugando al fútbol nunca me sucedió nada similar", para arremeter contra o técnico, Manu Fernández. Nada novo por outra parte, se temos en conta que antes o fixera tamén de José Ramón, cando abandonou o Montañeiros con destino a Betanzos.
Pois permítanme que lles diga que, con todos os respectos a ambos os dous, nin Ángel Oliveira nin moito menos Javi Otero, penso deban meter o pico en curral alleo.
Aínda así, no seu perfecto dereito están de dicir o que lles da gana, pero polo menos a min nunca conseguirán convencerme de que os "males" do Pontevedra, pasados, presentes e futuros, estean na súa afección e o comportamento ou nivel de esixencia que teña co equipo.
Non vou estenderme demasiado. Simplemente recordar que esta afección leva moitos anos dando mostras dunha lealdade, unha fidelidade e un amor ás súas cores que para si quixeran clubs de moita maior categoría. Facendo sacrificios que en calquera outro lugar tivesen botado a perder co futuro da entidade (achegas extraordinarias, anticipo de cotas, condonación de débedas, e un longo etcétera, ademais de soportar con estoicismo personaxes de diversa pelaxe, a cada cual máis nefasto).
Que é esixente en grao sumo. Si. Iso non pode ocultarse, pero quizais esa esixencia hai que valorala de forma directamente proporcional ao grao de fastío provocado por uns anos (demasiados xa) cargados de desilusións, de tomaduras de pelo, de mala xestión, de fracasos repetidos.
Esta afección é a mesma que, con moi pouco, se levanta en armas para seguir ao equipo alá onde este o necesite, mesmo repoñéndose de paus anímicos como a derrota en Dorneda, por citar o máis recente, para inmediatamente desprazarse nun elevado número a Portugalete e levar en volandas os seus xogadores.
Esta afección é a mesma que estivo en Eibar, Miranda de Ebro, Lorca, Vitoria, Oviedo e tantos e tantos sitios. Sempre co seu Pontevedra no corazón.
Esta afección é a mesma que fai que, mesmo nas catacumbas do fútbol español, siga acudindo a Pasarón semana a semana, sen desfalecer. Que sae cabreada, moitas veces con razón, o domingo, pero que o luns xa está a pensar en ir ao seguinte partido.
Que pita pronto se as cousas non saen, si. Que se enfada con facilidade, tamén. Pero que ninguén diga que é porque non ten paciencia. Non será máis ben que está ata os narices de todo o que tivo que sufrir e aguantar, especialmente nos últimos catro anos?
Por iso, o que non estea preparado para aguantar o nivel de esixencia dunha afección entregada, pero que obriga como poucas. Quen non saiba dar o mellor de se mesmo en cada partido, aínda no caso de que lle piten, simplemente non serve para estar nun equipo como o granate, e este é un aspecto que debesen valorar tamén os que confeccionan o plantel á hora de contratar un xogador.
Esa afección esixente e de pouca paciencia (porque se lle esgotou e está farta de que a enganen), é a mesma que regala eloxios simplemente cando algún dos protagonistas mostra no campo unha total entrega ás cores. E iso é o que deben pensar, os que están agora e os rivais.
A uns e a outros, así como tamén aos que levan as rendas deste club, atrévome a pedilos dende aquí un pouquiño de por favor...y un respecto á afección granate, envexada pola inmensa maioría do fútbol galego.