Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 16ª xornada
Imos aclarando xa algo nesta terceira división tan igualada agás para unha posición a do líder. O que xa é seguro é que temos campión de inverno e sólido, o Rácing de Ferrol; doce puntos sepárano dos inmediatos perseguidores, e polo tanto confírmanlle como o máximo candidato para esa prezada posición ao finalizar a tempada. Unha vez máis saíu vitorioso e cun contundente 5-0, ante un irregular Pontevedra.
ÿ certo o comentario de Milo, dicindo que o ano pasado saíron toucados da Malata, tamén con outro 5-0, e logo se recuperaron, pero é que ademais nesta xornada da tempada pasada, o Pontevedra camiñaba entre penumbras e a cinco puntos do cuarto clasificado, no mesmo posto (sétimo), pero con máis diferenza (cinco puntos), hoxe tan só está a dous.
A igualdade que comentamos xornada a xornada corrobórao o que hai tres semanas o Alondras figuraba cuarto e hoxe, como resultado de tres derrotas consecutivas, vese instalado no posto 12.
E que dicir do Compostela, que dende que chegou Fredi ao banco mantén unha regularidade que o sitúa como outro dos máximos candidatos a esas catro posicións. A diferenza do Alondras, chegou a tocar fondo na xornada novena situándose na décimotercera posición, hoxe vémolo de segundo e forte.
Pola parte crítica da clasificación encontrámonos con catro equipos que dos doce puntos que disputaron esta xornada, só o Narón foi capaz de facer un. Mal panorama augúraselles aos do vagón de cola.
Outro dos que está asomando a cabeza e digamos presentando a súa candidatura é o Deportivo B. A vantaxe de ser un equipo con tratamento profesional, outórgalle que por case todos estea considerado como un bloque chamado a cousas importantes.
E rematamos dicindo que o Somozas segue rabuñando puntos e é o único equipo que permanece invicto como visitante. Curioso o dato que contrasta coas tres derrotas que ten como local.
O partido designado da xornada para a próxima semana é nada máis e nada menos que un Celta B-Rácing de Ferrol. Recordemos que o líder leva catorce vitorias por só dúas derrotas, sen coñecer o empate.
REXIONAL PREFERENTE
Cambio de líder é o que nos deixa esta xornada. Volve situarse o Barco nese primeiro posto, aproveitando o empate do Areas na Xunqueira, e con suspense, pois o Pontevedra B conseguiuno no minuto 93, de novo polo seu máximo goleador Javi Pazos.
Neste grupo encontrámonos con máis candidatos para o ascenso. Entre eles chama a atención o Gondomar, pois leva sen perder doce xornadas, con oito vitorias e catro empates, así como o rexurdir do Portonovo, que con cinco vitorias seguidas, xa está só a dous puntos do líder.
Importante a vitoria conseguida polo Ribadumia ante outro bo equipo como o Choco, que deste xeito ve un pouco freada a súa escalada.
Tamén, con remontada incluída, a do Arosa, que a próxima semana visita o líder, esperando que consiga dunha vez por todas dúas vitorias seguidas coas que recortar diferenzas cos de cabeza.
Tres son os empates que o Marín fixo nas últimas xornadas, pero non son suficientes para saír do pozo. A próxima xornada ten un duelo cun rival directo, en Lalín, que se presenta como unha oportunidade para darlle valor aos resultados recentes.
O partido designado como da xornada para a próxima semana é o Cultural de Areas-Gondomar. Enfróntanse dous equipos situados na zona nobre da clasificación pero con inercias diferentes, as xa comentadas do Gondomar, e as dúbidas dos locais, que dos últimos nove puntos fixeron só dous e ven como equipos, que hai tres semanas estaban afastados, están hoxe cóbado con cóbado con eles.
REFLEXIÿN
Un terzo da liga xa se esfumou. O feito ata hoxe é para iso, reflexionar polo sucedido ata esta xornada. De entrada parece que o sentido común se instalou no cerebro da maioría das directivas, e podo dicir sen equivocarme que é a tempada deste século que menos cesamentos de adestradores se produciron, e miren que varios estiveron a punto de caramelo pero lles salvou a campá, pois ben, antes nin a campá soaba, ou si, pero a morto.
10.12.2012