Ramiro Espiño
Nin aldraxes nin calumnias, só a verdade
Houbo un tempo en que o Pontevedra CF estivo "presidido" por un personaxe singular. Posto a "dedo" aínda non se sabe ben sobre a base de que estraños méritos que, se os ten ou tivo nalgún momento poucos foron os que conseguiron verllos e menos os que, afortunados eles, puideron aprecialos.
Non, non teman. Non vou dedicarme a recordar a infausta etapa de Mauricio Rodríguez Boullosa á fronte do Consello de administración granate. Os datos e as hemerotecas están aí para algo.
Como alguén lle dixo nunha xunta de accionistas: "es usted el presidente más nefasto de la historia del Pontevedra CF", opinión que non é miña, precisamente, aínda que con gusto a subscribo. Iso si, engadindo "polo momento", que xa se sabe que nisto do fútbol sempre que se pensa que as cousas van mal non tarda en aparecer quen as leve a peor. Algo así como a Lei de Murphy, versión futboleira.
Unicamente quero, con esta columna, pechar un tan desagradable como incomprensible episodio, descoñecido ata agora e que evitei facer público por consello dos meus avogados (grazas, Evaristo polos teus bos servizos), en tanto "a súa señoría" non se pronunciase sobre o contido da querela que por supostas aldraxes e calumnias presentou o infausto (lease como "infeliz" segundo definición da Real Academia da Lingua, non vaia ser que se querele de novo) expresidente granate contra este xornalista, polo "grave" suposto delito de sacar á luz pública algunhas das súas "andanzas" á fronte do Pontevedra, pero especialmente por dar a oportuna resposta a unha carta que el mesmo remitiu aos medios de comunicación na que pedía "Que nadie calle mi voz".
E non, non a calamos. Nin neste medio nin noutros. Porque cremos na liberdade de expresión. Démoslle difusión, como pedía, pero, tamén como non podía ser doutra forma, a oportuna resposta, nun artigo asinado por min e titulado "Os puntos sobre as íes".
Aquela carta encontrou antes resposta dende diversos sectores, especialmente da afección e Peñas do Pontevedra, algúns de cuxos compoñentes tamén deberon pasar polos tribunais para defender a súa inocencia das acusacións do entón presidente nun feito sen precedentes, polo menos que un recorde, na historia do noso deporte local de que un presidente denuncie aos seus afeccionados, con sentenza favorable, dito sexa de paso, aos seguidores.
Pois ben, como consecuencia da resposta de quen isto escribe, o "señor" Rodríguez Boullosa presentou a querela a que antes aludía, cuxa resolución se demorou máis do que un desexaría, pero que afortunadamente chegou fai algo menos dun mes.
Despois de efectuarse as dilixencias que a súa señoría considerou oportunas, nas cales o querelado, ou sexa, quen isto escribe, houbo de comparecer e, ademais de declarar, achegar algunhas das probas que se aludían no meu artigo obxecto da querela, indícase nos razoamentos xurídicos da sentenza que din, e cito textualmente: "Visto o contido da querela presentada e a documentación achegada, así como a declaración prestada a presenza xudicial polo querelado e a documentación que este mesmo achegou posteriormente... "
Eses mesmos razoamentos seguen dicindo: "O querelado, de profesión xornalista respondeu nun artigo de opinión no diario dixital PontevedraViva á carta que previamente lle remitira o querelante", poñendo en evidencia que o meu artigo non fora gratuíto, senón resposta a un acto previo do infausto (lease agora como: aciago, triste, funesto, infeliz, desafortunado, nefasto, desfavorable, sombrío, etc., todas elas definicións como sinónimos recollidos no dicionario, repito, non vaia ser que se querele de novo co mesmo ou parecido resultado, que bastante ten de que ocuparse a xustiza, máis que de parvadas).
Para rematar, a súa señoría dispón que "SE DECRETA O SOBRESEMENTO LIBRE da presente causa".
Queda claro, polo tanto, que na miña columna motivo da querela "Os puntos sobre as íes" non existen nin aldraxes, nin calumnias. Só A VERDADE.
E despois de tanto tempo, pola miña parte Punto e Final, que o "señor" Rodríguez Boullosa é pasado (ou iso espero) no que se refire á súa etapa pública no Pontevedra.