Ramiro Espiño
A "onda", os "olés" e os "pecados" dun consello que nin está nin se lle espera
Había cheo na Malata o pasado sábado. Non na bancada, pero si no palco de autoridades. Por primeira vez en moito tempo o Pontevedra estaba ámpliamente representado. En primeira liña o presidente e vicepresidente do consello de administración. Mauricio e José Manuel flanqueaban o alcalde da cidade, Miguel Fernández Lores. Nunha esquina a actual asesora do consello, e "presidenciable" segundo se rumorea, Lupe Murillo, acompañada de Ricardo Tilve. Na esquina contraria, como querendo escapar dos flashes, familiares moi directos de Lupe, como o seu pai e o seu esposo. Tamén no palco dous conselleiros máis.
Todos foron testemuñas de moitas cousas, ningunha delas agradable para o Pontevedra nin para a súa sufrida afección. Todos escoitaron os cánticos humillantes que saían dende un dos fondos. Todos viron como un equipo, o granate, que non hai moito arrastraba centos de seguidores nos seus desprazamentos, tiña só na "gaiola" destinada aos afeccionados visitantes un total de oito afeccionados, contados dun nun (non era difícil, certamente). Todos, en definitiva, foron testemuñas da deriva deportiva, social e institucional na que caeu un club, unha afección e unha cidade que non merece ésto.
Dinme que o cabreo dalgún deles ao rematar o partido era de órdago... cabreo ou vergoña polo presenciado?...Non era para menos. Nunca que un recorde dérase esa sensación (na segunda parte) de impotencia nun campo, de pouca cousa, imos, de ter un equipo de "nenos" enfrontado a outro de "homes". ÿ certo que houbo outros 5-0, e mesmo peores (recordo un 6-3 en Calahorra, de escándalo). Poden suceder..., accidentes do fútbol ou tardes negras...pero o desta tempada empeza a ser humillante.
Porque humillante foi escoitar os "olés" cos que a bancada coreaba cada pase dos seus, mentres os granates corrían como polos sen cabeza...Porque humillante foi que unha bancada semibaleira se alegrase cos intentos de realizar unha patética "onda" (e digo patética, porque así resulta cando non máis de mil persoas asisten a un partido nun campo no que caben máis de 12.000), e mófense do nome e prestixio dun rival como o Pontevedra con adxectivos ferintes.
Porque, en definitiva, humillante é que eses oito "irredutibles" afeccionados desprazados a Ferrol teñan que regresar abafados, como abafados estaban os que o viron por televisión na distancia.
Non. Eles e moitos outros que queren e sofren polo Pontevedra non merecen isto, pero menos merecen que se lles minta ou non se lles diga toda a verdade.
E faltar á verdade é dicir que se vai loitar por ascender, por ser primeiro porque é o único que dá opcións reais de ascenso, para logo confeccionar un equipo a sabendas que non é superior a ningunha outra da zona media da táboa, non advertindo a ninguén de que os obxectivos cambiaran.
Porque faltar á verdade é xustificar que se fixo un equipo con xogadores da casa, como querían os afeccionados, para escudarse nese mesmo motivo se non se alcanzan os obxectivos (non se ao final a culpa será da afección!).
Porque faltar á verdade, dalgún xeito, é vender un produto a un prezo de marca de prestixio (e refírome ao prezo dos carnés), coma se estivésemos nunha categoría superior, e recibir a cambio un equipo de "mercadiño" (e que conste que o que escribo non pretende menosprezar os xogadores, que bastante fan en xeral para os medios que lles dan, que esa é outra).
E que non me digan que non se pode, que a proba a teñen precisamente no Ferrol. Con menos de mil persoas nos seus partidos cada domingo, sáese na categoría, será cuestión de luces dos seus dirixentes?.
O malo é que, polo que transcende que non é moito, o consello segue instalado na inacción. Nin está nin se lle espera. Escudado nun "non hai diñeiro" que non dubido sexa certo (ésto si), pero tamén nunha renuncia absoluta en canto á busca de solucións.
Pode que nos próximos días haxa reunións. Pode que a Milo pídanselle solucións, que se sonde o mercado por se aparece algún xogador antes de que sexa tarde, e ata pode que apareza o diñeiro para apuntalar un equipo que se esborrallou e non ofrece garantías de poder loitar de verdade polo ascenso.
E todo porque, se se mantén a postura actual de "non hai máis cera que a que arde", o que pode empezar a queimar son as posaderas dalgúns nas poltronas de Pasarón.
Sexa o que sexa, é obrigado que algo se mova. Así non se pode nin debe seguir. A historia do Pontevedra obriga e os seus dirixentes deben ser servos desa historia, non os seus donos, nin os encargados de ensuciala. Estes son os seus pecados, e esta tamén a súa penitencia, a de devolver á entidade o prestixio perdido e o lugar deportivo e social que lle corresponde.
10.12.2012