Manuel Pérez Lourido
Os Palleiros
Pontevedra é unha vila xeitosa para vivir nela. Marabillosa incluso, se tes un posto de traballo. Paradisíaca, se ademáis padeces problemas de olfato. Estes pensamentos poderían ser refrendados tanto polos pontevedreses como, ollo, polos seus cans. Pontevedra é unha vila extraordinaria para ser un can e vivir nela, a xulgar pola inxente cantidade dos mesmos que transitan polas súas rúas cos seu amos detrás deles. Lástima que o único que produzan sexan cagadas, de modo abundante e persistente, das que somos notificados os pontevedreses a través dos nosos zapatos.
Certo é que hai unha excelente cantidade de donos de cans que teñen por costume saír a rúa cunha bolsiña de plástico para recoller a produción canina, pero un lamenta que non cheguen o cen por cen, ou que non leven dúas bolsas, ou eu non sei o que pasa. Igual que te fan soplar por se bebeches, a policía tiña que esixir que lle ensines a bolsiña por se o can fai das súas. E se non a tes, multa e para a casa (co cadelo nos brazos, por suposto). Certo é tamén que pódense topar a donos de cans axeonllados diante do produto interior bruto do seu animal pero, alguén se queda a ver qué é o que fan? Pode ser todo un paripé.
Outra observación que cómpre facer é que o mundo canino pontevedrés e variopinto: tanto podemos topalos de bolsiño tipo chihuahua ou pequinés, como cans que parecen cabalos, cans feitos para vivir perto dalgún dos polos, coma os huskys siberianos, que teñen que estar moi agradecidos de que os trouxeran eiquí de vacacións permanentes, e non digamos os sanbernardos, que tamén chegeui a ver un algún un tempo. Debeu morrer dunha lipotimia.
De cando en vez, vese un can de palleiro coa súa faciana tristeira e sen pedigree. Normalmente leva detrás un dono tamén tristeiro e sen pedigree. Cando eu era cativo case todos os cans que podías ver pola rúa eran palleiros, porque daquela todos eramos cidadáns sen pedigrees (aínda que moito máis ledos que agora).
A min, que me fan graza os cans máis que nada porque son animais que pasean outros que non son eu, fanme graza sobre todo un tipo de cans cos que dende estas liñas me quero solidarizar, hermanar incluso reinvindicar e honrar, e o que faga falta. Son os cans abandonados que recolle a xente de Os Palleiros. Van case polos 200 e xa non poden ter máis.
Eses pobres que deixaron de servir para o que fose que serviran aos seus donos e agora penan unha culpa allea con cara de inocentes e pasándoas canutas. Tamén o mundo canino ten os seus parias do sistema. Eses cans anónimos, porque xa ninguén sabe como se chaman e ninguén os chama de ningunha forma, que viven engaiolados pese a que fan o mesmo cos outros, cagar, coa mesma ou maior eficacia.
Se vostede ten ollos na cara, se vostede os usa habitualmente, se vostede quere poñer un can na súa vida porque bota de menos nela as cagadas dun can, chame á xente de Os Palleiros, que recollen o excedente canino desta vila de cans, e poderá cumprir o seu desexo.
12.12.12