Manuel Pérez Lourido
Bob Geldof non se rende
Un único concerto de Bob Geldof en España. Robert Frederick Zenon Geldof. Si, o que fora líder dos Boomtown Rats e petara os charts con aquel "I don't like mondays" que narraba a bizarra, real e noxenta historia duns nenos ingleses que asasinaron á súa nanny porque non aturaban os luns. Unha teima sempre de moda, a violencia coma expresión de desacougo. Despois fixo a canción en acústico para Amnistía Internacional. Bob Geldof que ergueu nos 80 Band Aid para xuntar cartos tentando paliar a fame en Etiopía e mais adiante montou os concertos Live Aid en Londres e Filadelfia co mesmo fin e despois foi nomeado sir pola raíña dos ingleses. Estes elixírono no 2002 na lista dos 100 británicos máis destacados. Non está mal para un irlandés.
A lista que figura na wikipedia das tarefas relacionadas coa caridade impulsada por este músico é longa como un día sen pan, nunca mellor dito. Ten máis dunha ducia de nomeamentos e doutorados honorarios pola súa dedicación ás causas humanitarias. ÿ moito máis escasa a súa produción artística, só 5 albumes dende o 86, despois dos Rats. Co segundo deles, "The vegetarians of love", ao frente dunha banda co mesmo nome, conseguiu meter unha canción outra vez nas listas de éxitos. A ritmo de polka, aféalle a medio mundo á facilidade con que se toleran os padecementos da outra metade, "The great song of indifference".
Cando aínda o líder das Ratas, coñeceu a Paula Yates, xornalista musical de moita sona. Casaría con ela nos oitenta e a parella tería tres fillas. A mediados dos 90 Yates deixou a Geldof por Michael Hutchence, vocalista dos INXS australianos. Dous anos despois Hutchence aforcouse nunha habitación de hotel e tres máis tarde Paula Yates faleceu dunha sobredose de drogas e alcohol. Geldof adoptou legalmente á filla que tivera o matrimonio. A nena criouse coas súas tres medias irmáns. Pero na incríble colección de desgrazas de Bob Geldof aínda había sitio para algunha máis. En abril deste ano a súa filla maior, Peaches, foi atopada morta na casa polo seu marido. Nai de dous nenos, Peaches faleceu por sobredose de heroína.
Todo isto podería ser material de primeira para "Sálvame", se os de "Sálvame" deran un xiro cara o glamur inglés, pero en realidade pretende ilustrar a complexidade das experiencias vitais que acumula o señor obxecto deste artigo. Ese home que, con voz rasposa, cuspía letras envelenadas nos tempos do thatcherismo (a fermosa "Someone's looking at you" é unha das mellores), se cadra ten algo que contar aos 63 anos. Agora anda embarcado no 30 aniversario do Band Aid, recollendo cartiños para a loita contra o ÿbola cunha nova versión do "Do they know it's Christmas?"
Por certo, ese único concerto español do que falabamos ao principio vai ser aquí ao lado. No auditorio Mar de Vigo o vindeiro sábado 13.
Nota do editor: Finalmente o concerto de Bob Geldof en Vigo suspendeuse pola escasa demanda de entradas.