Ramiro Espiño
García Liñares ou Louzán: O fútbol galego decide o seu futuro
Rematouse unha campaña que oficialmente nunca comezou. Chegou a hora da verdade, das votacións, de que 150 representantes dos distintos estamentos (clubs, xogadores, adestradores, árbitros) decidan quen ha de rexer os destinos do fútbol galego durante os próximos catro anos.
Nun canto o actual presidente, José García Liñares, posuidor do cinto, duro fajador (utilizando termos boxísticos). Forxado nas terras do norte, pero esquecendo con demasiada frecuencia o resto do país.
No canto contrario, Rafael Louzán, aspirante, fino estilista (tamén aplicando a terminoloxía puxilística). Madurado en pleno corazón da fértil terra do Salnés, aínda que con ampla proxección exterior e ganas de dar un xiro a unha situación estraña.
Porque estraño é case todo o que pasou nestes últimos catro anos. García Líñares accedeu á presidencia da Federación Galega de Fútbol aproveitando as augas turbias e lamas que deixou o longo "reinado" dos Meana. Como unha ventá de aire fresco que pretendía dar un xiro ao poder establecido e ben posicionado con Madrid.
Tivo que vencer Meana e o propio Ángel María Villar. E fíxoo porque o fútbol galego estaba ata o gorro dun poder absolutista que buscaba o beneficio propio e non o interese xeral. Aproveitouse do fastío da maioría para lograr a poltrona. Pero chegou a ela e os cambios prometidos foron quedando no esquecemento.
Enrocado no seu dominio do norte, esquecéuselle que o resto do fútbol galego tamén existe. E aí comezou a xerarse a posibilidade dunha candidatura de oposición, fraguada nun Rafael Louzán ao que foron a buscar os homes do fútbol, con Gustavo Falqué, presidente do Coruxo, como cabeza visible e máis significada.
E en Louzán viu o resto do fútbol galego unha posibilidade de cambio para mellor. Como hai catro anos viuna no propio García Liñares, aínda que logo defraudase unha tras outra as expectativas.
Atrincheirado no seu bastión da Coruña, García Liñares viu tarde o perigo e cando o fixo encontrouse con que Pontevedra, Vigo, Ourense e Santiago apostan maioritariamente polo cambio que representa Louzán, con Lugo nunha posición indefinida e mesmo un pequeno sector da Coruña que di que si, que lle apoia, pero que xa veremos, que á fin e ao cabo o voto é secreto.
Repasando o acontecido durante esa campaña que nunca existiu oficialmente, debo dicir que ao meu modo de ver García Liñares defraudou e moito. Primeiro nas formas, acusando sen probas á candidatura do seu opoñente. Logo no fondo, obviando os graves problemas que ten o fútbol galego (empezando por unha Mutualidade da que é presidente e que a punto estivo de deixar nun par de ocasións sen cobertura sanitaria aos deportistas).
Iso por non contar a falta de peso específico que dende que accedeu á presidencia ten o fútbol galego na Española, onde a nosa federación pasou a ser como a culler, que nin pica nin corta.
A sensación é que García Liñares pretendeu ser o candidato da oposición, en lugar dun aspirante á reelección que contaba con todo o "aparato" federativo á súa disposición. Se un bota a vista atrás catro anos, vemos que repite os mesmos postulados de entón, esquecendo que nesta ocasión é el quen ocupa a poltrona.
Pero cando un xa non pode evitar o asombro é ao ler algúns dos supostos méritos dos seus catro anos de mandato. Nunha entrevista a La Voz de Galicia, García Liñares menciona que "ÿ tremendo o conseguido...la sede de la delegación de Pontevedra...el campo de Coia...que traje a jugar gratis a España". Pois se todo isto é o que fixo en catro anos polo fútbol do sur de Galicia, a resposta tena na falta de apoios que, salvo sorpresas, obterá.
No colmo do descaro atribúese feitos cos que máis relación ten precisamente o seu adversario, ou debemos recordarlle que a sede federativa en Pontevedra está en Pasarón, que o novo campo de Coia, propiedade da Federación Española de Fútbol foi renovado cun proxecto executado mediante convenio entre a mesma Federación e a Deputación de Pontevedra, que achegou uns 900.000 euros do importe total? Por non citar que a presenza en Pontevedra e Vigo da Selección Española ten máis que ver cos compromisos entre Villar e Louzán que co que García Liñares fixese, que é abolutamente nada neste sentido.
Ou sexa, que o futbol galego (salvo quizais o da Coruña), ten que agradecerlle pouco a García Liñares, que intenta facerse forte na súa posición dominante no norte. E se outro dos seus mellores argumentos son que quizais Louzán, en caso de vitoria, opte por rematar trasladando a sede federativa a Santiago, pois que queren que lles diga, que aos únicos que molestaría sería precisamente aos da Coruña, os demais moi posiblemente aplaudirían unha decisión lóxica que permitiría achegar ao administración á maioría dos administrados, que levan toda a vida cruzando Galicia enteira para facer calquera xestión na que debería ser a casa de todos.
Mentres, Louzán foi absolutamente exquisito. Sen entrar ao trapo do seu adversario en ningún momento. Evitando a confrontación directa e mantendo unha postura persoal elegante cada vez que se lle preguntou sobre o tema, absténdose a responder ás acusacións do seu rival e deixando que sexan as urnas as que emitan o seu veredicto. A súa aposta é formar un equipo, gran parte do cal xa presentou nas reunións mantidas con todos os estamente futbolísticos, integrado por xente de fútbol, pero tamén por magníficos xestores económicos, profesionais de recoñecido prestixio, capaces de dar un xiro positivo a unha Federación afastada dos seus verdadeiros obxectivos, que son servir ao fútbol.
ÿ o que procede. Quen non o entenda así ten un serio problema de credibilidade, ou un importante complexo, quizais provocado polo medo a verse afastado dunha poltrona que dicía non ambicionar pero á que se afixo pronto.
Con todo isto, un e outro cren ter atados os apoios necesarios (máis de 76 asambleistas) para saír elixidos. Está claro que un dos dous se equivoca. O fútbol galego falará esta noite en Santiago. García Liñares ou Rafael Louzán? Da resposta dependerá que Galicia volva ter o peso específico que lle corresponde no fútbol español e sexa capaz de reclamar ou xerar os medios necesarios para unha modernización urxente das súas estruturas.