José Freire
Jimmy Vive
Así o veñen dicindo, partido tras partido, os membros dos denominados Riazor Blues, dende a morte deste membro do devandito grupo nos arredores do Manzanares.
Non. Non vive. Morreu porque así o quixo. Porque era un feito ao que se estaba enfrontando cada vez que actuaba do xeito que o viña facendo nos derradeiros anos. Por iso, aínda que a morte dun ser humano sempre é de lamentar, teño que dicir que me causou menos pena que a Lendoiro.
Estamos asistindo a un fenómeno de vandalismo que comeza a ser algo moi preocupante e que nos debe conducir a adoptar importantes decisións. Os poderes públicos teñen unha importancia transcendental na inhibición ou aceleración na violencia no deporte, xa que os particulares non poden promover o xogo limpo sen o apoio oficial ou da autoridade. O xogo limpo no eido deportivo debe ser obxecto de atención por parte da Administración nas súas diferentes formas e matices (redacción de regulamentos, competicións, control do xogo, sanción das condutas, tanto individuais como colectivas...).
E aquí deben entrar, de cheo, o poder deportivo, responsable da elaboración e asunción dunha lei para o deporte; o executivo, é dicir, o Goberno, encargado de obrigar ao seu cumprimento e de regulamentar determinadas disposicións legais; e xudicial, a través dos xuíces e tribunais, procesando e condenando aqueles actos agresivos e delituosos que sexan contrarios as disposicións contidas no Código Penal.
Máis hai outra autoridade que é a policial ou gobernativa, como popularmente se coñece, que é a responsable do acontecemento deportivo dende o punto de vista da seguridade cidadá, coa tarefa de velar e controlar, tanto condutas individuais como colectivas que, co eido do feito deportivo, poden desenrolarse con violencia. Un acontecemento deportivo pode ser dinamitado dende unha conduta individual, de grupo ou masiva no mesmo espazo no que se realiza o deporte, ou dende fora, cando intereses bastardos, ideolóxicos, políticos, así o expresen.
Nese dobre aspecto, a Policía debe cumprir a función de velar e controlar o ánimo da masa, a súa presenza. ÿ fundamental para manter unha liña de prevención de seguridade co fin de que non ocorran incidentes como os que orixinaron a morte de Jimmy.
Todo indica que algo non se fixo ben á hora de comunicar a asistencia ao evento. A Policía española ten amosado dabondo a súa competencia e profesionalidade á hora de abordar espectáculos de masas. Claro que para iso ten que ter coñecemento dás circunstancias en que se vai desenrolar.
O que si quedou claro, perante aqueles que pensaban que non se ía esclarecer a autoría dos feitos, foi o traballo impecable da Policía, detendo a 82 persoas, entre elas, os autores materiais da morte de Jimmy.
Teño que recoñecer que este feito me descolocou á hora de coñecer algunha das identidades destes vándalos. Se ben a nivel individual non se observaba un trazo psicolóxico anormal, formando grupo manifestábanse ca existencia dunha gran porcentaxe de pseudoheroismo e covardía; refuxiarse en pandas como consecuencia de inmadurez mental e para fuxir da soidade do fogar ou do aburrimento dunha vida monótona ou valeira; falta absoluta de ideais; supervaloración da súa personalidade, inseguridade; incomprensión; insatisfacción; desgusto social, etc... E foi así cando vexo que, entre os detidos, hai individuos que, en principio, non deberían estar afectados por estes parámetros: un garda civil ou un membro das forzas armadas. Xa sei que son dúas agullas nun palleiro, pero algo falla cando se permite que estes individuos accedan a dúas institucións de tanta importancia e relevancia.
Algún día haberá que falar dos mecanismos de acceso aos corpos policiais. Agora toca poñerse mans á obra e impedir que volvan suceder feitos como o da beira do Manzanares. E aínda que Ángel María Villar ou algún presidente de club non estea pola labor.