Manuel Pérez Lourido
Lume e votacións
Comeza o 2015 botando lume. Arden a árbore navideña da Ferrería e uns cantos bidóns de papel. A primeira por un curtocicuíto nos cables eléctricos da estrutura, os segundos por un curtocircuíto nos cables dun cidadán. Eu tamén tiven curtocircuítos deses durante o ano que pasou. Momentos en que quixen saír a plantar lume nalgures: oficinas bancarias, sedes de partidos, organismos oficiais, etc. Só quería velos arder igual que as falcatruadas que deles viñan nos facían arder a todos cada día. Sen danos persoais.
Descoñezo as razóns polas que este cidadán anda a prender candela no papel almacenado e estou moi lonxe de xustificar ese comportamento, pero xa digo que ás veces o noxo e a carraxe poden saír fóra. Por exemplo, cando estamos a escoitar que da crise xa non queda nada e resulta que 2'3 millóns de nenos están en risco de pobreza en España. Isto segundo informe de UNICEF, que como todo o mundo sabe é unha organización de chatolas e alarmistas.
Cada vez hai menos nenos e cada vez tratase peor á infancia. Crece a desigualdade e as becas redúcense nun 45% dende 2008. Só nos gaña Grecia en canto á imposibilidade de recortar a pobreza infantil. Que fan os donos do cotarro en Grecia? Apirular, que diciamos de cativos: ameazar co lume do inferno se chega Syriza ao poder. Syriza é unha coalición de esquerdas formada por xente provista de cornos e rabo, armados con tridentes e que van poñer o país patas arriba se gañan (e son os favoritos). Prometen unha quita da débeda externa, o cal pon en risco de infarto ás xentes dos consellos de administración e chuchóns de diversa índole.
Vivimos no mundo do roubo e do saqueo. Rouban ata os que teñen que velar polos nosos intereses.
E agora teñen medo non porque se vexa ameazada a estabilidade, a recuperación, etc, senón a súa impunidade. E non digamos se os que chegan ao goberno se lles da por investigar e facelos desfilar camiño do presidio despois de pasar polos xulgados...
O lume ten moitos efectos e un deles é purificador. Durante as pestes facíase case imprescindible. Non sei se pillan a comparación. Voten, que sempre é mellor que andar queimando cousas, voten e despois esixan.