José Freire
Liberdade ou seguridade
Acabamos de vivir no País veciño, un ataque frontal contra a liberdade, en todos e cada un dos seus eidos: liberdade a vivir, a expresarse, a crenzas... E isto resulta máis tráxico e incomprensible porque se produce nun País onde teñen como valores fundamentais da súa convivencia a liberdade, a igualdade e a fraternidade.
Pasou o momento dos lamentos polas vidas perdidas e toca, primeiro, dende o punto de vista da seguridade, ver onde se cometeron erros. Para logo adoptar aquelas medidas que podan axudar a que estes feitos non volvan a repetirse, aínda que calquera sabe que resulta practicamente imposible acadar o risco cero.
Neste senso xa os ministros de interior da U.E., xunto con EE.UU e Canadá, esbozaron unha serie de medidas que haberá que poñer en marcha e que, sen dúbida algunha, vai afectar á inviolabilidade da intimidade das persoas. E xurdirán voces moi sensibilizadas cun dos dereitos fundamentais dos cidadáns que viven en países democráticos.
Faise por tanto necesaria unha axeitada comprensión de como poden afectar estas medidas ao dereito á intimidade.
Nin que dicir ten que as sociedades democráticas necesitan de certo orden e seguridade, e sobre todo no caso do terrorismo, máis tamén necesitan de liberdade. De aí a importancia de establecer un equilibrio escrupuloso entre os poderes indispensables para o cumprimento da misión policial e o dereito do cidadá a ser protexido contra posibles abusos cometidos no exercicio de tales poderes.
A aplicación destes poderes, pode dar lugar a queixas cidadás e queixas sistemáticas contra a organización policial e, en consecuencia, unha mala imaxe da policía.
O propio Consello de Europa, na súa Declaración sobre a Policía, lembra que: "todo funcionario de Policía que se conforme ás disposicións da presente Declaración, ten dereito ao apoio activo, tanto moral como material, da colectividade na que exerce as súas funcións".
A cultura e a saúde, por exemplo, son necesarias para unha axeitada calidade de vida do individuo e da comunidade, onde catedráticos e médicos gozan dunha boa imaxe. A Policía ten encomendada a misión de garantir a seguridade e as liberdades públicas, tan necesarias para a calidade de vida, máis a veces, só se pode lograr sacrificando as liberdades e incluso a integridade física dos particulares, que aínda que son elementos nocivos, teñen a mesma consideración de persoas, ao igual que as súas propias vítimas.
Por iso a Policía deberá ter en conta que a submisión á lei e a maior garantía nas súas intervencións, non so para o cidadá senón para el mesmo; e a colectividade a que serve o seu apoio, tanto moral como material.
A Policía ha de ser representativa da colectividade á que serve. Cabería dicir aquilo de "dime que policía tes e direiche que democracia alcanzaches".