Antón Masa
A última sentenza do TSXG provoca o trunfalismo de ENCE
A sentenza da Sección Segunda da Sá do Contencioso-Administrativo do TSXG, que desestima o recurso presentado pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) contra a renovación da AAI de ENCE, deu pe aos directivos da empresa pasteira a expresar un trunfalismo desmedido co que pretende desprestixiar as posicións da nosa asociación.
Baixo o título "segunda derrota da APDR en tres anos" ENCE fai unha lectura interesada do fallo e esquece entre outras cousas- que a decisión é recorríbel diante do Tribunal Supremo e mesmo que o alto tribunal ten reforzado a nosa posición ao fallar o 26/4/2012 ao noso favor anulando o chamado Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal no que como é sabido- baseou a Xunta da Galicia a concesión da AAI á empresa.
E aproveita ENCE a ocasión para divulgar unha chea de afirmacións gratuítas que nada teñen que ver coa citada sentenza.
En primeiro lugar, non se pode deducir da sentenza que as nosas posicións respecto da fábrica de Lourizán sexan mentira; simplemente se manifesta unha vez máis que a Xunta de Galicia mantén unha posición de auténtica submisión aos intereses da empresa ao non obrigarlle a cumprir a lexislación, pois non se debe esquecer que é a Xunta quen rexeita as nosas posicións e que a maxistrada limítase a aceptar as posicións expresadas polo goberno galego nas súas alegacións. A falta do preceptivo Informe de Compatibilidade Urbanística do Concello de Pontevedra é pasada por alto pola Xunta que mesmo anunciou xa que vai recorrer a decisión do propio TSXG que considera ilegal a renovación da AAI a ELNOSA.
Só a ignorancia, a mala fe ou o interese na defensa da empresa fronte ao ben común, pode levar a negar a existencia dunha enorme carga de contaminación microbiolóxica nas augas de vertido de ENCE. E non é a APDR quen fala desta carga de coliformes; son as análises feitas por Augas da Galicia nas mostras recollidas nas inspeccións realizadas nesas augas de vertido.
Neste sentido, animámoslle a ENCE a interpoñer unha querela contra Augas de Galicia.
E só o ánimo de danar o enorme prestixio da APDR pode levar a ENCE a dicir que a nosa posición responde a intereses políticos. Na APDR non temos máis obxectivo que a recuperación da Ría e a creación de emprego derivada da explotación dos recursos marisqueiros, pesqueiros, turísticos e forestais, uns recursos hoxe espoliados pola presenza de ENCE e ELNOSA na Ría.
E debera saber ENCE que agás o partido recentemente creado por María Biempica, todas as forzas políticas que presentan candidatura ás eleccións municipais en Pontevedra esixen a saída do complexo industrial de Lourizán fóra da Ría porque saben que esa é a posición da maioría da cidadanía; mesmo o Sr. Moreira dubida en seguir dando o seu apoio a ENCE polo medo á perda de votos. Só Vds e esa ridícula plataforma de estómagos agradecidos que Vds auspician- defenden a posición contraria.
Máis lle valera a ENCE tratar de explicar onde estivo a verter durante o arranxo do emisario; os nauseabundos cheiros que hoxe mesmo estamos a padecer en Pontevedra; ou os seus problemas coa Facenda Pública que ten "cazado" á empresa por irregularidades no pago do imposto de sociedades (www.economiadigital.es). ENCE non só contamina e destrúe o medio ambiente e a economía da comarca, senón que tamén estafa ao fisco!.