Tribuna Viva
Activouse o Plan de Emerxencia Exterior de Ence-Elnosa no incendio da gasolineira de Os Praceres?
O incendio que este mércores afectou á gasolineira situada en Praceres-Lourizán, para alén dos importantes e lamentábeis danos a ese negocio, ficou tan só nun grande susto para a veciñanza da zona grazas ao traballo de bombeiros e demais servizos. Mais o perigo potencial dun accidente como este ten que levarnos a reflexionar tamén sobre a presenza do complexo industrial ENCE-ELNOSA nun entorno rodeado de vivendas e tan próximo a dous núcleos como Pontevedra e Marín.
Desde a APDR non temos constancia de que o Plan de Emerxencia Exterior do Complexo Industrial de Praceres-Lourizán, aprobado pola Xunta de Galiza, fose algunha vez divulgado entre a poboación de Pontevedra e Marín, e moito menos que a veciñanza fose formada para saber que debe facer no caso de que a fatalidade ou a desidia no control de seguridade provoquen un accidente en ENCE ou ELNOSA, algo que como acabamos de comprobar pode pasar en calquera momento.
Evidentemente, non é suficiente con publicar na web do governo autonómico o PEE. Queremos saber se o PEE foi posto en marcha diante do incendio do pasado mércores, sucedido nun lugar tan próximo ao complexo industrial. E esiximos, en todo caso, que as veciñas e os veciños sexamos informados sobre o PEE.
Compre tamén preguntarse cal é o estado actual de mantemento e seguridade das instalacións de ENCE e ELNOSA, máxime cando nos últimos tempos a dirección da primeira insiste na súa política de chantaxe consistente en afirmar que até que non se resolva o seu futuro non fará novas inversións na fábrica de Lourizán. Esta decisión da empresa ten que ter, por forza, consecuencias en materia de seguridade nas súas instalacións.
A presenza de ENCE e ELNOSA, ademais de supor un ataque ao ambiente e á economia da comarca e de toda Galiza é tamén un grave perigo potencial, en caso de accidente ou de sucesos como este, para a vida, a saúde e os bens das persoas que residimos na súa contorna, pola súa ubicación nun entorno habitado e pola propia actividade industrial do complexo. Outra poderosa razón para seguir a reclamar o seu peche definitivo.
Pontevedra, 6 de marzo de 2015
Anxo Torres, pola Xunta directiva da APDR