Antón Prieto
Meu Pontevedra... viva
Tiña o fol cheo de veneno, como toca en campaña electoral a quen mantén o seu cerebro libre das berrugas dos telexornais, pero non me apetecía saudar a PV cun papel manchado das moscas, como me pide o corpo.
Quero facer profesión de xornalismo e pontevedrismo nun intre no que os mapas están tan difuminados que cada un construímos o noso mundo dentro do whatsapp, e organizamos unha íntima vida sen distancias grazas á web da ryanair, que van sen queroseno, pero van...
Moito falamos sobre o papel e a pantalla como soportes informativos. Preguntámonos se Pontevedra vive por riba das súas posibilidades, que diría Mariano, con 3 xornais diarios, con empresas informativas que destrúen nóminas a esgalla ate extenuar as xa minúsculas redaccións, e desposuída pola Xunta das sedes da radio e a televisión públicas.
ÿ o momento no que chegan un escuadrón de tipos valentes e organízanse para fabricar un medio local, que cociñan paseniño, coma o pan aos Acuña: sempre quente e en varias fornadas durante o día.
ÿ como atopar unha xoia no cubo do lixo de tanto remoer dentro del. De responder con alegría e optimismo á treboada que nos acobarda. Novos soportes, moito cariño, antenas ergueitas, tentáculos longos... como as rúas e prazas da cidade: facilitando o contacto entre as persoas, abrindo foros para falar e discutir, para imaxinar o futuro, para coñecernos cada día mellor.
Iso é o que ten que ser un medio. Responder á realidade cambiante con impulsos de corazón, modulados pola ilustración e a profesión dos seus autores. Eso é o que lle dá razón á súa existencia e garantía ao seu éxito.
As árbores da verdura aínda non están no seu mellor momento. En poucos días estarán máis excitantes. Belloncé seguirá na pantalla da casa, cos seus espasmos compulsivos. E nós, cada un de nós, fabricará o seu xornal á medida na pantalla do seu Face.
O meu, por exemplo ten anacos do meu agnosticismo militante, do meu nacionalismo delicioso, do meu comunismo arrebatado, do meu escepticismo comprometido, do meu exhibicionismo sexual, do meu garimoso círculo de amizades, do meu xeito de ver o mundo, ao que hoxe se une Pontevedra Viva, para aumentar o orgullo de humanoide global que mora nunha pequena e contemporánea cidade na que aínda todos camiñamos por prazas e rúas, non por pasillos de centros comerciais.
Mil anos de pólvora e magnolias para as pantallas deste diario que nos vai manter aínda máis vivos cada día.